Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

14.07.2017

Marta Míguez valora as “incomparables paisaxes de Galicia que se porán en valor a través do deporte” na presentación das bases KDM e Sendeiros de Auga

Marta Míguez lembrou que estas experiencias xa contan co seu expositor, “o I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ que nace coa vontade de unir máis se cabe a turismo e deporte”

Imprimir Atrás

Santiago, 14 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe na presentación do proxecto bases KDM (rutas pola costa e interior das rías) ou Sendeiros de Auga (rutas por augas continentais: cursos fluviais, embalses ou lagos) da Federación Galega de Piragüismo. Na presentación desta iniciativa, a secretaria xeral valorou as “incomparables paisaxes de montaña, de ríos e de rías, de embalses e en xeral de natureza de Galicia” polo que cómpre “desde o Goberno galego apoiar toda aquela iniciativa que poña en valor estes espazos, máxime, a través dun estilo de vida activo e saudable”.

Neste sentido, a máxima responsable do deporte galego recoñeceu o gran potencial dos recursos acuáticos de Galicia, unha comunidade “coñecida como a terra dos mil ríos” e que é “a segunda comunidade de España con máis quilómetros de costa, con case 1.500 ”. “Con esta riqueza, podemos ofrecer unha gran cantidade de actividades a todo o mundo, e como non, o deporte e a actividade física teñen un engranaxe perfecto neste paisaxe acuático de Galicia”, engadiu.

Marta Míguez lembrou que estas experiencias xa contan co seu expositor, “o I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ que nace coa vontade de unir máis se cabe a turismo e deporte”. O proxecto presentado hoxe, dixo a secretaria xeral, “pasa a engordar a gran lista de eventos de turismo activo que temos en Galicia como o Camiño de Santiago, as experiencias de turismo BTT (bicicletas todo terreo), as competicións de golf, o Pantín Classic, o sendeirismo ou as carreiras populares”.

As rutas das bases KDM, 21 en total, serán a do Firrete de Pontedeume, C.N. Dumas, Kaiak de mar de Bueu, C.P. Altruan de Ribadeo, Náutico Rodeira, Cangas, Mar de Aldán, Cabanas KDM, Piragüismo Vilaboa, O Grove, Cambados, Vigo, C.M. Ría de Aldán, C.P. Portonovo, C. Marítimo de Redes, Vikintours Catoira, Náutico Portonovo, Náutico San Vicente do Mar, Piragüismo Olívico, Ciudad de Pontevedra e Illas Cíes.

Por outra banda, os 8 Sendeiros de Auga serán os do Miño de Ribadumia, Cabanas KDM, Piragüismo Vilaboa, Firrete de Pontedeume, Fluvial de Allariz, Fluvial de Avión, Concello de Muíños e Piragüismo As Pontes.

Vistas:  186

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds