Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

20.07.2017

A Secretaría Xeral para o Deporte financiará a reforma do vestiario do pavillón municipal da Sangriña cunha achega de 50.000 euros

A Xunta de Galicia e o Concello da Guarda seguirán traballando para realizar novas actuacións que melloren as instalacións do pavillón

Imprimir Atrás

A Guarda (Pontevedra), 20 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba e mais o presidente do Club de Balonmán Mecalia Atlético Guardés, José Manuel Silva, no que se abordou a situación do pavillón da Sangriña e se avaliaron as actuacións necesarias para a súa reforma co obxectivo de que sexan acometidas o antes posible. Neste sentido, a Secretaría Xeral para o Deporte financiará a reforma do vestiario do pavillón municipal cunha achega de 50.000 euros. Ademais, a Xunta de Galicia e o Concello da Guarda seguirán traballando para levar a cabo novas actuacións que melloren as instalacións do pavillón.

No transcurso da reunión a secretaria xeral para o Deporte apuntou que “a Xunta de Galicia fará todo o posible para que as campioas de España poidan xogar os partidos que lle corresponden como local en todas as súas competicións na súa casa e coa súa xente sen necesidade de desprazamentos”. Por iso, engadiu, “esta reunión que levamos a cabo busca o consenso entre as tres partes para que as actuacións que se leven a cabo sexan as prioritarias para os intereses do deporte galego”.

Cómpre lembrar que o 2 de abril de 2013, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello da Guarda asinaron un convenio de cooperación para a reparación da estrutura no pavillón municipal da Sangriña. O investimento estimado fixouse en 27.214,11 euros dos que a Xunta de Galicia subvencionou a cantidade de 12.000 euros. 

Vistas:  127

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds