Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

27.07.2017

Marta Míguez anima aos deportistas galegos do Campionato do Mundo de Vela Snipe que terá lugar na coruña do 1 ao 11 de agosto e onde se darán cita os mellores regatistas

Valora a decisión da SCIRA que concedeu ao Real Club Náutico da Coruña a organización deste campionato e gaba “o traballo e as excelentes instalacións do Club” que permitirán que “Galicia véxase beneficiada da celebración dun evento” no que participarán “uns 350 regatistas duns 20 países diferentes”

Imprimir Atrás

A Coruña, 27 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe na presentación do Campionato do Mundo de vela da clase Snipe Absoluto e Xuvenil 2017 que se celebrará na Coruña entre os días 1 e 11 de agosto. No acto que tivo lugar no Pazo Municipal de María Pita, a máxima responsable do deporte galego destacou a importancia da vela no deporte galego como o demostran os campións olímpicos Fernando Echavarri, Támara Echegoyen ou Sofía Toro e desexou sorte a todos os galegos para que “o mar que baña as costas de Galicia siga dando tan bos deportistas como ata o de agora e este campionato sexa a eclosión ou a confirmación de novas estrelas que engrandezan o noso deporte”.

No transcurso do seu discurso, a secretaria xeral valorou a decisión da SCIRA, Asociación Internacional da Clase Snipe que concedeu ao Real Club Náutico da Coruña, co apoio da Asociación española Clase Snipe, a organización deste Campionato do Mundo. E, do mesmo xeito, gabou “o traballo e as excelentes instalacións do Real Club Náutico de Coruña” que permitirán que “A Coruña e Galicia véxanse beneficiadas de todos os elementos positivos que implican a celebración dun campionato mundial”. Neste sentido lembrou que pola cidade herculina pasarán “uns 350 regatistas duns 20 países diferentes como Estados Unidos, Xapón, Brasil, Arxentina, Italia ou Portugal”.

Tocante a clase de vela Snipe, Marta Míguez destacou a esta pequena embarcación como “precisa e sofisticada” e na que “a táctica é o factor primordial, polo que podemos dicir que os mellores regatistas que deu a historia formáronse na clase Snipe”.

Este é o sexto mundial de Snipe que se celebra en España, unha competición que se leva organizando desde 1934. A representación galega estará conformada polas parellas Paula Correa e Ana Araujo e mais Antonio Ugarte e Manuel Fernández, no mundial xuvenil; mentres que no absoluto competirán por unha banda, Marcos Míguez e José Ramón Pardo, e, por outra, Juan Cajade e Víctor Fernández. 

Vistas:  163

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds