Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

29.07.2017

Marta Míguez anima aos máis de 200 mozos participantes no I Encontro das Xuventudes pola Caza á práctica dun deporte que conviva co medio dun xeito respectuoso e sostible

Valora unha actividade como a caza “que engloba a capacidade de concentración, precisión, puntería, sangue frío, paciencia e sobre todo nervios de aceiro”

Imprimir Atrás

Trazo (A Coruña), 29 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe na inauguración do I Encontro das Xuventudes pola Caza, un evento que reuniu nas instalacións da Sociedade Deportiva Río Sar a máis de 200 rapaces e rapazas que participan nunha xornada de cursos de iniciación, prácticas, conferencias e mesas redondas. A máxima responsable do deporte na Comunidade animou aos mozos e mozas presentes a que practiquen o deporte da caza e que a súa “curiosidade se traduza pronto en novas fichas que aumenten o número de persoas que fan deporte en Galicia para acadar unha unha terra máis activa, máis saudable e máis nova”.

Deste xeito, a secretaria xeral lembrou a gran cantidade de especialidades deportivas da caza como son o “silvestrismo, cetrería, caza con arco ao voo, percorridos de caza con arco, compak sporting, percorridos de caza, cans de rastro de coello, cans de rastro de xabaril, San Huberto, cans de Parada, caza menor con can, caza de Arceas, caza de raposo, agility ou field target”. “Todas elas están á vosa disposición e todas elas teñen unha rigorosa regulamentación que permite a conservación das especies e do medio”, engadiu.

Marta Míguez valorou unha actividade como a caza “que engloba a capacidade de concentración, precisión, puntería, sangue frío, paciencia e sobre todo nervios de aceiro”. Así tamén, fixo referencia á tecnoloxía como un dos “mellores socios do progreso” e do que debemos botar man para acadar “un deporte que conviva en paz e harmonía coa natureza, co noso entorno e coa nosa sociedade”.

“Iso é o que intenta transmitir este I Encontro das Xuventudes pola Caza no que dúas das súas tres actividades principais versarán sobre as novas posibilidades que ofrece a caza”, continuou a titular de Deporte. Así, a primeira actividade será de cursos de iniciación e práctica de percorridos de caza con arco e con pratos, Compak Sporting, Field Target (tiro con aire comprimido) e hélices; na segunda desenvolveranse unhas conferencias e mesa redonda sobre a tecnoloxía na caza, alimentación canina, custodia das armas e os calibres e armas na caza maior en Galicia; e na terceira, realizarase un curso de iniciación e práctica nas disciplinas de rastro de xabaril e cans de parada así como actividades e coñecementos sobre a cetraría.

Vistas:  152

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds