Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

09.09.2017

Marta Míguez subliña “a paixón, as gañas e a intensidade” do rugby galego na presentación das ligas sénior feminina e masculina

A secretaria xeral para o Deporte destacou tamén “o bo estado de saúde do rugby galego” que se resume “no aumento das licenzas deportivas xa que no ano 2009 contabamos con 894 e hoxe contamos con 1.207”

Imprimir Atrás

Lugo, 9 de setembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo na presentación das Ligas Galegas Sénior de Rugby nas categorías feminina e masculina. Alí, a responsable do Deporte galego destacou a importancia crecente deste deporte en Galicia e da súa selección, o XV do Toxo, da que subliñou a súa “paixón, gañas e intensidade”.

Deste xeito, a secretaria xeral enumerou algúns dos fitos recentes do rugby galego, especialmente da categoría feminina, como que no pasado mes de agosto, 6 xogadoras galegas -Vanesa Rial, Paula Medín, Mónica Castelo, Berta García, Laura Delgado e Rocío García- disputaron o Campionato do Mundo de Rugby XV, acadando a 10ª posición; ou que as mesmas Vanesa Rial e Paula Medín, disputaron coa selección española de Rugby 7 os Xogos Olímpicos de Río, acadando un diploma olímpico pola súa sétima posición.

Nas súas verbas, Marta Míguez animou “a todos os equipos que disputarán as ligas galegas de Rugby Sénior Masculinas e Femininas”. Na tempada 2017-2018 os equipos que competirán nestas ligas serán, na 1ª División da Liga Galega Sénior Masculina, Club Rugby Ferrol, Rugby Ourense Keltia, Os ingleses Rugby Club (Vilagarcía), Pontevedra Rugby Club, Club Rugby Lalín, Mareantes Rugby Club (Pontevedra) e Club Rugby Arquitectura Técnica B (A Coruña); na 2ª División da Liga Galega Sénior Masculina, Club Deportivo Zalaeta Arteixo, Club Rugby Fendetestas (As Pontes), Santiago Rugby Club, Universidade de Vigo Rugby Club B, Campus Universitario Ourense RC B, Barbanza Rugby Club e Muralla Rugby Club; e por último, na Liga Galega Sénior Feminina, Club Rugby Lalín, Muralla Rugby Club, Campus Universitario Ourense RC, Universidade de Vigo Rugby Club e Santiago Rugby Club.

Ademais destes equipos, a titular de Deporte salientou o papel dos “maiores representantes galegos no panorama nacional” como son o CRAT feminino na División de Honra Feminina, máxima competición nacional; e o CRAT masculino, o Kaleido Universidade de Vigo e o Campus Ourense Coosur na División de Honra B de Rugby, a segunda división do rugby nacional.

A secretaria xeral para o Deporte destacou tamén “o bo estado de saúde do rugby galego” que se resume “no aumento das licenzas deportivas xa que no ano 2009 contabamos con 894 e hoxe contamos con 1.207”.

Vistas:  28

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds