Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

16.09.2017

Marta Míguez agradece a María Bernabéu “o xeito en que leva a bandeira de Galicia por todos os podios internacionais” na homenaxe pola súa medalla de bronce no Mundial de Hungría

A titular da carteira de Deporte fai un recorrido polo amplo palmarés acadado por María Bernabéu e destaca “o diploma olímpico de Río e as dúas medallas mundiais: a de prata colleitada en Astana en 2015 e esta nova presea conquistada en Budapest, desta volta, de bronce”

Imprimir Atrás

Pontevedra, 15 de setembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe na homenaxe a María Bernabéu celebrada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva con motivo da recente medalla de bronce acadada pola judoka galega no XXXVI Campionato Mundial de Judo celebrado en Budapest (Hungría). A responsable do deporte galego agradeceu a deportista galega “o xeito en que levas a bandeira de Galicia por todos os podios internacionais que alcanzas, que non son poucos” e animouna “a que continúes traballando neste camiño do deporte e do esforzo para que podamos celebrar xuntos novos éxitos que, a súa vez, xeren unha sociedade máis igualitaria e máis activa”.

A titular da carteira de Deporte fixo un recorrido polo amplo palmarés acadado por María Bernabéu e destacou “o diploma olímpico de Río e as dúas medallas mundiais: a de prata colleitada en Astana en 2015 e esta nova presea conquistada en Budapest, desta volta, de bronce”. Todos estes éxitos, dixo Míguez, son froito “da decisión, do sacrificio e do adestramento diario”. Así tamén, a secretaria xeral amosou o seu convencemento do “papel histórico” que a deportista realizará nos vindeiros Xogos Olímpicos de Toquio 2020.

Tras amosar o orgullo que sinte Galicia ante estas fazañas deportivas, Marta Míguez asegurou que as vitorias da judoka galega “animan a moitos nenos e nenas a comezar unha etapa deportiva no mundo do judo e das artes marciais, un mundo que tantos valores bos pode ensinar aos nosos pequenos”.

Vistas:  122

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds