Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

20.09.2017

Marta Míguez defende un baloncesto “tremendamente igualitario” na presentación da XXXI Copa Galicia Sénior Feminina que disputarán o vindeiro domingo o Uni Ferrol e o Celta Zorka

Identifica á Copa Galicia como unha “marabillosa aventura que se converteu nun inmellorable punto de encontro entre clubs, xogadores e seareiros de toda a xeografía galega”

Imprimir Atrás

Ferrol (A Coruña), 20 de setembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe na presentación da XXXI Copa Galicia Feminina de Baloncesto que se disputará o vindeiro domingo 24 de setembro no pavillón ferrolán de Esteiro entre o Star Center Universitario Ferrol, clasificado directamente por ser o equipo de máxima categoría, e o RC Celta Zorka, gañador da fase previa. Na súa intervención, a responsable de deporte galego destacou que só un ano máis tarde de que se creara a Copa Galicia Sénior Masculina, “disputábase a primeira edición da Copa Galicia Sénior Feminina, polo que tan só houbo que esperar un ano para que as mulleres tiveramos tamén a nosa copa galega, a pesar de que a súa celebración non se normalizou ata os anos 90”. Ao fío desta idea, Marta Míguez subliñou “a evolución parella que tivo o baloncesto desde os seus inicios tanto na modalidade masculina como na feminina e que o converte nun deporte tremendamente igualitario ao longo dos seus 124 anos”.

A titular de Deporte galego identificou á Copa Galicia como unha “marabillosa aventura que se converteu nun inmellorable punto de encontro entre clubs, xogadores e seareiros de toda a xeografía galega”. Marta Míguez resaltou tamén a importancia da cidade de Ferrol para o baloncesto galego con fitos como a sede do Mundobasket de 1986 ou os gloriosos anos do OAR Ferrol.

Nas súas verbas, Marta Míguez falou da extraordinaria campaña do Star Center Uni Ferrol, campión das últimas catro edicións da Copa Galicia, que se medirá na final da Copa Galicia ao Celta Zorka, campión dunha fase previa na que tamén participaron os equipos femininos do Durán Maquinaria Ensino, Kemegal Cortegada e o CB Arxil.

Marta Míguez desexou o mellor aos dous clubs que xogarán a final da Copa Galicia e transmitiulles “forza e motivación” para afrontar no dia a dia os desafíos que lles permitan acadar os obxectivos para esta nova tempada.

Vistas:  124

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds