Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

20.09.2017

Marta Míguez identifica a XXXII Copa Galicia como “o punto de encontro entre clubs, xogadores e seareiros onde se pode vivir o mellor baloncesto galego”

Destaca a celebración na mesma fin de semana da XXXII Copa Galicia Sénior Feminina en Ferrol e da Minicopa Galicia Alevín que terá lugar en Marín simultaneamente á Copa Galicia Sénior Masculina e na que participarán os equipos da categoría minibasket

Imprimir Atrás

Marín (Pontevedra), 20 de setembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe na presentación da XXXII Copa Galicia Sénior Masculina de Baloncesto que se disputará a fin de semana do 22 ao 24 de setembro no pavillón marinense da Raña entre o Monbus Obradoiro, clasificado directamente por ser o equipo de máxima categoría, e o gañador da semifinal deste venres que enfrontará ao Café Breogán Candelas e ao Club Ourense Baloncesto. A titular de Deporte galego identificou á Copa Galicia como unha “marabillosa aventura que se converteu nun inmellorable punto de encontro entre clubs, xogadores e seareiros de toda a xeografía galega”. Unha cita na que poderemos “ver un ano máis o mellor baloncesto de Galicia”, engadiu.

Marta Míguez resaltou tamén a importancia da cidade de Marín para o baloncesto galego, -que acolle por vez primeira a Copa Galicia- máxime nos últimos anos, grazas aos éxitos do Marín Peixegalego (gañador de Liga e Copa LEB Prata na tempada 2015-2016) e amosou o seu convencemento de que este equipo “volverá o ano que vén a categoría que lle corresponde deportivamente”.

Ademais da XXXI Copa Galica Sénior Masculina, a secretaria xeral destacou a importancia da celebración na mesma fin de semana da XXXII Copa Galicia Sénior Feminina en Ferrol e subliñou “a evolución parella que tivo o baloncesto desde os seus inicios tanto na modalidade masculina como na feminina e que o converte nun deporte tremendamente igualitario ao longo dos seus 124 anos”. Do mesmo xeito, Marta Míguez destacou tamén a Minicopa Galicia Alevín que terá lugar en Marín simultaneamente á Copa Galicia Sénior Masculina e na que participarán os equipos da categoría minibasket do Marín Peixegalego, COB, Xuven Cambados, Obradoiro CAB, Básquet Coruña e Estudiantes Lugo. “Estou convencida de que moitos destes nenos chegarán o día de mañá á final da Copa Galicia na que hoxe están os seus referentes”, apuntou.

Marta Míguez desexou o mellor aos equipos que disputarán a Copa Galicia, tanto ao Monbus Obradoiro, xa clasificado para a final como aos dous equipos que xogarán a semifinal do venres, o Café Candelas Breogán e o Club Ourense Baloncesto, tras superar a fase previa na que participaban tamén o Xuventude Baloncesto (Narón) e o Leyma Básquet Coruña.

Vistas:  131

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds