Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

29.09.2017

Marta Míguez destaca as “fazañas das nosas mulleres” que facilitan o labor das administracións públicas de “fomentar, divulgar e visibilizar o deporte feminino”

Destaca a importancia dun deporte feminino galego que “poxa forte” e que “deixa patente a calidade das deportistas que temos en Galicia”

Imprimir Atrás

Pontevedra, 29 de setembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na noite de hoxe na V Gala do Deporte Feminino organizada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega) e que premia ás mellores deportistas femininas de 2016. Alí, a titular de Deporte sinalou que o deber da Xunta de Galicia e das demais administracións é “fomentar, divulgar e visibilizar o deporte feminino como outro eido calquera da actividade física”, unha tarefa que “sen as fazañas das nosas mulleres sería moito máis complicada”.   

A responsable da carteira de Deporte sinalou que o obxectivo da Xunta de Galicia é “acadar unhas cifras de participación igualitaria en todos os ámbitos do noso deporte”. Neste sentido dirixiuse ás premiadas para garantirlles que “co apoio de todas vós e de todo o exército de deportistas que camiñamos convosco, acadaremos un deporte feminino mellor e con máis representantes”.

No acto que tivo lugar no Pazo Provincial de Pontevedra, a secretaria xeral destacou a importancia dun deporte feminino galego que “poxa forte” e que “deixa patente a calidade das deportistas que temos en Galicia”.

Así tamén, Marta Míguez felicitou unha por unha ás premiadas que foron Támara Echegoyen (mellor deportista), Irene Blanco (mellor promesa), Susana Rodríguez Gacio (mellor deportista con diversidade funcional e premio pola participación en Río 2016),  Teresa Portela (premio pola participación en Río 2016), Ruth Ballesteros (mellor adestradora), Ángeles Barreiro (mellor traxectoria deportiva), o equipo de piragüismo feminino Breogán de O Grove (mellor equipo), María Bautista (mellor xuíza), Rosa Patiño (mellor directiva), Paula Montes e Óscar Losada (medio de comunicación amigo),  Pescamar (institución privada máis colaboradora), e as mencións especiais para Teresa Martínez (árbitra de hóckey), Cristina Fernández (ex árbitra de balonmán) e Pilar Neira (ex presidenta de Mudega).

Vistas:  143

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds