Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

09.10.2017

A Xunta implantará por primeira vez nun centro educativo os ciclos medios de vela

O conselleiro de Cultura e Educación e mais a Secretaria Xeral para o Deporte asinan un acordo para que estas ensinanzas se impartan no IES Fermín Bouza Brey

Imprimir Atrás

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 10 de outubro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asinaron hoxe un convenio de colaboración ao abeiro do que a Xunta implantará por primeira vez, na Comunidade Autónoma de Galicia, as ensinanzas de vela nun centro educativo. En concreto, o acordo traducirase na impartición no IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa) das ensinanzas deportivas de grao medio en vela con aparello fixo e en vela con aparello libre.

Os títulos de técnico deportivo impartiranse de forma compartida entre o IES e o Centro Galego de Vela, adscrito á Secretaría Xeral para o Deporte; de tal forma que o bloque común do currículo se desenvolverá no Bouza Brey e o específico no devandito centro de vela. Será a Consellería quen se faga cargo dos gastos do profesorado, mentres que Deporte asumirá a xestión e mantemento relacionado cos gastos derivados do axeitado funcionamento das instalacións para o óptimo desenvolvemento das ensinanzas.

A Consellería de Cultura e Educación abrirá unha convocatoria específica para que 12 alumnos se matriculen nestas dúas titulacións, que se desenvolverán ao longo do presente curso e do seguinte, esta convocatoria sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro venres 13 de outubro. Para acceder a estas ensinanzas será necesario ter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para efectos académicos, e superar a proba de carácter específico establecida.

A impartición compartida destas ensinanzas configura un contexto idóneo para a formación e preparacións dos futuros titulados, dando un novo impulso aos ciclos deportivos e á súa integración no sistema educativo.

Especializacións e ocupacións

En total as titulacións constan de 1.100 horas repartidas en dous cursos académicos, que inclúen un total de 350 de formación práctica (150 horas no ciclo inicial e 200 horas no ciclo final), co fin de que o alumnado entre en contacto coa realidade do mundo laboral. No referido ao título de técnico deportivo en vela con aparello fixo, conta cunha soa especialización, a de vela adaptada con aparello fixo. Quen rematen estes estudos poderán exercer o seu labor profesional como adestrador de tecnificación en vela con aparello fixo, coordinador doutro persoal técnico de iniciación á vela, xestor ou organizador de eventos de vela de promoción e iniciación, responsable da seguridade da navegación e das instalacións deportivas utilizadas na tecnificación, ou no traballo de acompañamento e dirección ao regatista en competicións.

No caso do título en vela con aparello libre, as especializacións posibles serán as de Kiteboarding e a de vela adaptada con aparello libre. Os titulados poderán exercer ocupacións e postos de traballo como as de monitor de iniciación á vela ou adestrador de iniciación á competición.

Vistas:  129

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds