Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

20.10.2017

O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio sobre a convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel 2017

Con esta nova convocatoria, que valorará os resultados obtidos en 2015 e en 2016, agárdase chegar a 586 deportistas de alto nivel (373 homes e 213 mulleres)

Imprimir Atrás

Santiago, 20 de outubro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o anuncio do 10 de outubro de 2017 sobre a convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel, axudas DGAN 2017. Estas axudas son convocadas pola Fundación Deporte Galego en cumprimento do seu obxecto social que prevé o fomento do deporte de alta competición. Con esta nova convocatoria, que valorará os resultados obtidos en 2015 e en 2016, agárdase chegar a 586 deportistas de alto nivel (373 homes e 213 mulleres).

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As bases, así como os anexos necesarios para a presentación das solicitudes poderanse consultar na sede da Fundación Deporte Galego ou na páxina web.

A principal novidade desta convocatoria é que, por primeira vez, ademais de manter tamén a liña tradicional de presentación presencial en formato papel, poderase cursar a solicitude de axuda de forma telemática. Cómpre salientar que tamén poderán solicitar axuda todos aqueles deportistas que estean ou estiveran recoñecidos pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas de Alto Nivel nalgún momento dos anos 2015, 2016 e 2017 (aínda que a día de hoxe non estea vixente o recoñecemento).

Esta convocatoria de axudas sae dez días despois da resolución da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel polo procedemento iniciado en xuño de 2017. Ao abeiro desta resolución 26 novos deportistas (18 homes e 8 mulleres) son recoñecidos como deportistas de alto nivel que se suman aos 330 recoñecidos en anteriores convocatorias. Deste xeito, Galicia conta no momento actual con 356 deportistas galegos de alto nivel (223 homes e 133 mulleres).

Novo decreto

A Secretaría Xeral para o Deporte está a traballar na elaboración do proxecto de decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O pasado mes de xullo deuse inicio ao trámite de participación cidadá para compilar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas polos futuros regulamentos acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores, árbitros e xuíces galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.

A administración debe poñer a disposición deste colectivo unha serie de medidas que permitan compatibilizar a alta esixencia persoal do deporte de alto nivel coa consecución dunha formación académica que lles abra, nun futuro, a porta do mercado laboral, precisando unha axuda dirixida a súa integración e orientación, tanto laboral como social. Deste xeito, é necesario que os poderes públicos outorguen a protección e asistencia ao deporte de alto nivel, non só mediante axudas económicas concretas, senón tamén mediante outra serie de medidas.

- Anexos I, II e III (galego)
- Anexos I, II e III (castelán)
- Bases axudas DGAN 2017
- Anuncio DOG

Vistas:  1564

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds