Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

24.10.2017

A Secretaría Xeral para o Deporte retoma as xornadas formativas para o fomento da actividade física saudable nos concellos

Marta Míguez asegurou que grazas ao traballo conxunto acadarse “un mellor fomento da actividade física e da saúde” xa que cunha maior participación dos concellos, Galicia poderá ter “unha poboación máis controlada sanitariamente e un mapa de infraestruturas máis completo”

Imprimir Atrás

Santiago, 24 de outubro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe na inauguración das xornadas ‘Estratexias para o fomento da actividade física saudable nos concellos’ organizadas pola Fundación Deporte Galego e que teñen lugar na Escola Galega de Administración Pública. Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico destacou a importancia destas xornadas “orientadas á formación de técnicos deportivos locais, persoal de concellos, centros deportivos, ximnasios ou centros de fisioterapia para a elaboración de estratexias e aproveitamento de recursos de cara á promoción de estilos de vida saudables”. Nesta liña, a titular de Deporte subliñou que “tres anos despois da última acción formativa destinada aos concellos de Galicia” cómpre “retomar esta iniciativa a través da que se pode coñecer moito mellor o funcionamento da plataforma Galicia Saudable”.

Respecto ao programa que se desenvolverá desde hoxe ao xoves, Marta Míguez destacou dúas ferramentas de grande importancia como a plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) ou o censo de infraestruturas deportivas Galicia Activa. Mentres que DAFIS nace como “unha ferramenta para facilitar aos profesionais a valoración da condición física en parámetros de saúde de alumnos, deportistas e da cidadanía en xeral”; o censo Galicia Activa “é un banco de recursos xeo-referenciado que aglutina todas as instalacións deportivas da comunidade para facilitar aos cidadáns a procura de recursos dispoñibles na súa contorna”. A día de hoxe esta ferramenta conta con 1.928 recursos publicados (máis outros 284 en revisión) e conta coa participación de 2.273 xestores externos como entidades, concellos, clubs ou asociacións.

Nas súas verbas, a secretaria xeral asegurou que grazas ao traballo conxunto acadarse “un mellor fomento da actividade física e da saúde” xa que cunha maior participación dos concellos, Galicia poderá ter “unha poboación máis controlada sanitariamente e un mapa de infraestruturas máis completo”. Estas xornadas, dixo, posibilitarán a construción “dunha Galicia máis activa e saudable”.

O curso ‘Estratexias para o fomento da actividade física saudable nos concellos’ divídese en tres días e en tres grandes áreas temáticas. No día de hoxe abordarase o marco xeral a través dos bloques I e II que tratarán sobre o programa Galicia Saudable e o adestramento da saúde, respectivamente. Na xornada de mañá abordaranse as ferramentas dos proxectos de fomento da actividade física saudable. Por último, o xoves 26 será a quenda da avaliación do impacto destes proxectos na saúde da poboación a través dos bloques IV e V.

Vistas:  154

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds