Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

25.10.2017

Marta Míguez traslada aos presidentes das federacións deportivas galegas o incremento do 13,71% do orzamento da Secretaría Xeral para o Deporte para este ano 2018

No que atinxe ao deporte federado, informa que para vindeiro 2018 non só se consolida o incremento do 5,12% destinado aos convenios coas federacións deportivas senón que, ademais, increméntase en 100.000 euros, polo que esta partida medrará preto 412.000 euros con respecto ao orzamento inicial consignado en 2017

Imprimir Atrás

Santiago, 25 de outubro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañada dos subdirectores xerais de Plans e Programas, Miguel López e de Xestión Deportiva, María Teresa Lorenzo, recibiu a numerosos representantes das federacións deportivas galegas na terceira xornada do Foro de Deporte Federado ‘Optimizando sinerxías’ onde se compartiron posturas, reflexións e análises da situación actual do deporte galego desde a perspectiva do deporte federado, así como as propostas presentadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, coa fin de aproximar obxectivos dun xeito harmónico e responsable.

Nesta nova reunión do foro tratáronse temas como o financiamento das federacións deportivas galegas para este 2018 con cargo aos orzamentos xerais aprobados o pasado xoves no Consello da Xunta. Deste xeito, Marta Míguez trasladou aos presidentes das federacións deportivas de Galicia que o orzamento da Secretaría Xeral para o Deporte alcanzará os 21,9 millóns de euros que supoñen un incremento do 13,71% respecto ao orzamento co que contou a Secretaría Xeral no ano 2017. No que atinxe ao deporte federado a secretaria xeral informou que para o vindeiro 2018 non só se consolida o incremento do 5,12% destinado aos convenios coas federacións deportivas senón que, ademais, increméntase en 100.000 euros, polo que esta partida medrará 412.000 euros con respecto ao orzamento inicial consignado en 2017.

Tocante á colaboración de entidades financeiras para facer anticipos de subvencións que dean liquidez ás federacións e aos clubs no período anterior ao cobro das axudas, a Secretaría Xeral para o Deporte realizou xestións con ABANCA para explorar estas posibilidades que foron explicadas por representantes da entidade bancaria brevemente no día de hoxe aos presidentes das federacións con vistas a unha posible colaboración.

Na reunión que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública tratáronse ademais outros temas de interese como a impartición do bloque común das actividades de formación deportiva en período transitorio por parte da Escola Galega do Deporte, a participación das federacións deportivas galegas no Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur Galicia que terá lugar en Expourense os días 17, 18 e 19 de novembro, ou a Gala do Deporte Galego que se celebrará proximamente.

Atendendo ao interese xeral suscitado polo seguro deportivo, Marta Míguez convocou aos asistentes a unha nova reunión na que se tratará en exclusiva este tema na busca da mellor solución que beneficie a Administración, federacións e, por suposto, deportistas.

Vistas:  207

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds