Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

31.10.2017

Marta Míguez presenta a XLI Carreira Pedestre Popular do San Martiño como un evento sen “fronteiras nin límites e cunha gran capacidade de convocatoria”

Destaca os 10 quilómetros urbanos que percorren os lugares “máis emblemáticos” de Ourense, as tres distancias que abranguen todas as idades e nas que “se nota o incremento da participación feminina”, os miles de espectadores e os miles de participantes, que xa chegan aos 12.000, así como a celebración dunha “festa na que as familias se unen para facer deporte”

Imprimir Atrás

Ourense, 31 de outubro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou esta mañá no Concello de Ourense na presentación oficial da XLI Carreira Pedestre Popular do San Martiño da que dixo que “non ten fronteiras nin límites e conta cunha gran capacidade convocatoria”.

Ademais, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico destacou da San Martiño os 10 quilómetros urbanos que percorren os lugares “máis emblemáticos” de Ourense, as tres distancias que abranguen todas as idades (10 quilómetros para adultos, 4,7 para escolares e 1,4 para cativos) e nas que “se nota o incremento da participación feminina”, os miles de espectadores e os miles de participantes, que xa chegan aos 12.000, así como a celebración dunha “festa na que as familias se unen para facer deporte”.

Tras lembrar “o importante que é crear hábitos de vida saudable a través da incorporación da actividade física na nosa vida cotiá”, a titular de Deporte botou a vista atrás ata 1976 cando Julio Fernández “decidiu dotar a Ourense dunha das carreiras populares máis importantes de Galicia”. “Hoxe, 41 anos máis tarde podemos seguir mirando a nosa carreira con orgullo e satisfacción por uns números que non deixan de medrar e polo traballo ben feito”, engadiu.

Respecto a sona que adquiriu a carreira ourensá nos últimos anos, Marta Míguez sinalou que “a San Martiño estende a súa capa máis aló de Ourense”. “Escoitar falar da San Martiño é un orgullo porque nos posiciona como cidade en toda Galicia e acolle a todo aquel que decide participar como deportista ou espectador ou mesmo disfrutar da nosa cidade”, concluíu.

Do mesmo xeito, Marta Míguez puxo como exemplo a Carreira Pedestre Popular do San Martiño xa que outorga os mesmos premios a mulleres e a homes. Cómpre recordar que a Secretaría Xeral para o Deporte, ao abeiro dun acordo parlamentario, non patrocinará aquelas probas deportivas que premien de xeito distinto en función do sexo.

Gran oferta deportiva na cidade

Cómpre salientar que coincidindo coa XLI edición da Pedestre Popular do San Martiño que terá lugar o vindeiro 19 de novembro, desenvolverase no recinto feiral de Expourense o I Salón do Deporte e Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ promovido pola Xunta de Galicia e Expourense, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte. De feito, durante a actividade de Sportur poderanse recoller os dorsais e chips que os corredores e corredoras levarán durante a carreira, unha magnífica oportunidade para que os deportistas poidan achegarse á oferta de turismo activo que ofrece Galicia. Ademais, o día previo á carreira, o 18, tamén se entregarán en Expourense os premios aos gañadores do circuíto de carreiras ‘Correndo por Ourense’.


Sportur Galicia terá lugar os días 17, 18 e 19 de novembro e converterase nunha gran mostra do turismo activo e do deporte existente en Galicia. Terá un dobre obxectivo que dará a coñecer Galicia como destino activo e saudable, como unha terra que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre e ademais, animará a todo o mundo a practicar todas estas actividades. 

Vistas:  73

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds