Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

10.11.2017

Marta Míguez sitúa a “constante formación e actualización” dos xestores deportivos como unha prioridade para que Galicia “siga sendo referente na organización de eventos”

Asevera que estas xornadas mostran que “o deporte debe ser didáctico, pedagóxico e divulgativo, tanto na aprendizaxe da técnica da actividade física como na transmisión das estratexias que fan mellor a súa xestión”

Imprimir Atrás

Ourense, 10 de novembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na apertura das xornadas de ‘Xestión Deportiva en pequenos e medianos municipios’ organizadas pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) e que se centraron na xestión deportiva dixital e outras novidades. A máxima responsable do deporte galego apuntou que “a xestión debe camiñar parella ao avance imparable das novas tecnoloxías nunha sociedade que vive telematizada, máxime nun sector tan dinámico e cambiante como o deportivo”.

Nas súas verbas, a titular de Deporte dixo que “os xestores deportivos temos que estar sempre en constante formación para estar á altura dos grandes eventos deportivos que temos en Galicia”. “Cada vez máis o deporte precisa dunha actualización constante e formacións específicas que sumadas ao traballo levarán á mellora de todas as súas vertentes”, engadiu.

As xornadas que se desenvolven na Deputación Provincial de Ourense constarán de tres conferencias. Da primeira delas -‘Cara unha dixitalización da xestión deportiva municipal’-, Marta Míguez valorou a importancia da dixitalización que “se consegue pouco a pouco grazas a utilización das ferramentas dixitais que axudan a que os municipios de pequena escala poidan xestionar os seus recursos dun xeito moito máis eficiente”.

No que atinxe á Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, a secretaria xeral sinalou que “un bo texto legal no que todo estea perfectamente explicitado sumado ao exemplar comportamento da nosa afección e dos nosos deportistas e a un impagable traballo das Forzas e Corpos de Seguridade, só pode ter como resultado a organización de magníficos eventos en Galicia onde os logros deportivos sexan a única cuestión noticiable e reseñable”.

Por último, respecto á nova Lei de Contratos do Sector Público, Marta Míguez concretou que é unha Lei “fundamental para a xestión de servizos na Administración pública”. “Unha Lei que cambia as regras do xogo e que todos debemos de coñecer para ofrecerlle ao usuario sempre os mellores servizos dentro do marco que nos compete”, concluíu.

Cara a fin do seu discurso, a responsable do Deporte galego aseverou que estas xornadas mostran que “o deporte debe ser didáctico, pedagóxico e divulgativo, tanto na aprendizaxe da técnica da actividade física como na transmisión das estratexias que fan mellor a súa xestión”. “O obxectivo non é outro que xerar unha intensa rede de institucións, entidades e persoas que poñan en común o seu traballo á fronte da organización de eventos”, sentenciou. 

Vistas:  37

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds