Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

11.11.2017

A Secretaría Xeral para o Deporte e as Universidades galegas traballan na creación dun marco xurídico para os deportistas, adestradores, árbitros e xuíces galegos de alto nivel

O vindeiro xoves 16 de novembro terá lugar unha xuntanza nas dependencias da Secretaría Xeral para o Deporte para a creación do grupo de traballo

Imprimir Atrás

Santiago, 11 de novembro de 2017.- No marco das actuacións que a Xunta de Galicia está a realizar en prol dos deportistas galegos de alto nivel, a Secretaría Xeral para o Deporte, representada por Marta Míguez, vén de asinar un acordo coas Universidades galegas, representadas polos reitores Julio Ernesto Abalde, da Universidade da Coruña, Juan Manuel Viaño, da Universidade de Santiago de Compostela e Salustiano Mato, da Universidade de Vigo.

En cumprimento deste acordo, as catro entidades crearán un grupo de traballo para o estudo, análise e redacción dunha proposta de marco xurídico para todo o sistema universitario galego dirixido aos deportistas, adestradores, árbitros e xuíces galegos de alto nivel que vaian a cursar ou que cursen estudios universitarios.

Este grupo de traballo estará constituído por un representante da Secretaría Xeral para o Deporte, outro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e outros tres por cadansúa universidade galega. Ademais, no grupo de traballo poderán participar ou solicitar a colaboración doutras persoas das que, pola súa preparación e capacitación técnica en relación cos asuntos para tratar, sexa conveniente dispoñer do seu asesoramento. O vindeiro xoves 16 de novembro terá lugar unha xuntanza nas dependencias da Secretaría Xeral para o Deporte para a creación do devandito grupo de traballo.

Novo decreto

A Secretaría Xeral para o Deporte está a traballar na elaboración do proxecto de decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O pasado mes de xullo deuse inicio ao trámite de participación cidadá para compilar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas polos futuros regulamentos acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores, árbitros e xuíces galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.


A administración debe poñer a disposición deste colectivo unha serie de medidas que permitan compatibilizar a alta esixencia persoal do deporte de alto nivel coa consecución dunha formación académica que lles abra, nun futuro, a porta do mercado laboral, precisando unha axuda dirixida a súa integración e orientación, tanto laboral como social. Deste xeito, é necesario que os poderes públicos outorguen a protección e asistencia ao deporte de alto nivel, non só mediante axudas económicas concretas, senón tamén mediante outra serie de medidas.

Vistas:  58

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds