Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

21.11.2017

Marta Míguez subliña a “importancia da actividade física como medio de rehabilitación social e dignificación do individuo” na súa visita ao centro penitenciario de A Lama (Pontevedra)

A secretaria xeral para o Deporte explorou posibles vías de colaboración en materia deportiva entre a Xunta de Galicia e o centro pontevedrés

Imprimir Atrás

A Lama (Pontevedra), 21 de novembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, visitou esta mañá o centro penitenciario da Lama (Pontevedra) para explorar posibles vías de colaboración en materia deportiva entre a Xunta de Galicia e o centro pontevedrés. Alí, a máxima responsable do deporte galego, subliñou a “importancia da actividade física como medio de rehabilitación social e dignificación do individuo”.

Neste sentido, Marta Míguez apuntou que o deporte conta cunha ampla aceptación no centro contando que “o ximnasio, o campo de fútbol e o pavillón sexan tres das instalacións que contan con maior uso”. O deporte, dixo a secretaria, é “un perfecto medio de inclusión social que axuda ao fin último da estadía dos presos no centro que non é outro que a súa reinserción na sociedade”.

Deste xeito, a titular de Deporte valorou a oportunidade que teñen os internos de practicar a actividade deportiva grazas á oferta realizada polos diferentes clubs e federacións. Nesta liña destacou a Liga de Fútbol Veterano na que está inscrita o centro e que organiza a Real Federación Galega de Fútbol. Ademais, o centro penitenciario da Lama conta cunha escola de atletismo, grazas ao que algúns dos internos participan en probas autonómicas como a última Media Maratón de Pontevedra, así como ligas intermodulares de fútbol sala, baloncesto, tenis de mesa ou voleibol.

Vistas:  67

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds