Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

20.11.2017

Marta Míguez presenta ‘Eu son DGAN’ como unha ferramenta coa que acadar a “integración plena na sociedade e no ámbito laboral de todos os nosos deportistas”

A secretaria xeral para o Deporte asegurou sentir “a necesidade de facer todo o posible para que o paso do mundo deportivo ao mundo laboral sexa máis doado”

Imprimir Atrás

Santiago, 20 de novembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, presentou no serán de hoxe na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia o programa ‘Eu son DGAN’ que axudará aos deportistas galegos e galegas de alto nivel á súa inserción laboral, da man da Fundación ONCE. Así o fixo acompañada da directora rexional de Inserta Empleo e Ilunion Empleo, Menchu Iglesias e dos deportistas, María Bernabéu e Borja Golán, en representación de todos DGAN. Na súa alocución, a responsable do Deporte galego sinalou a importancia desta nova ferramenta para acadar “a integración plena na sociedade e no ámbito laboral de todos os nosos deportistas”. “O meu obxectivo e por tanto, o da Secretaría Xeral para o Deporte sodes vós, os deportistas”, apuntou.

Durante a súa intervención e tras facer un repaso á súa experiencia persoal como deportista de alto nivel, a titular da carteira de Deporte dixo sentir “a necesidade de facer todo o posible para que o paso do mundo deportivo ao mundo laboral sexa máis doado”, así como a necesidade de acompañar aos deportistas de alto nivel “na busca dun futuro digno e acorde ás posibilidades de formación de cada un e cada unha coas ferramentas axeitadas”. “Sinto -dixo-, a necesidade de amparar aos DGAN que co voso traballo altamente especializado e desinteresado lle entregades a Galicia todos os éxitos que conseguides e convertedes a Galicia no centro do universo deportivo”.

Segundo informou Marta Míguez, ‘Eu son DGAN’ é unha iniciativa que pretende chegar a todos os deportistas de alto nivel de Galicia que na actualidade son 356 (6 deles con diversidade funcional), “aos de hoxe, aos de mañá, pero tamén aos de onte, a aqueles que nalgún momento foron DGAN”. “Queremos saber como están, a que se adican, se precisan axuda ou se están en disposición de axudar”, engadiu.

Nas súas verbas, a secretaria xeral tamén describiu o kit de presentación que recibirán todos os deportistas galegos de alto nivel composto por “currículo académico, deportivo, carta de recomendación e outros materiais que complementarán para unha maior visibilidade do programa”. Así tamén, referiuse ao socio deste programa, a Fundación ONCE e as súas entidades de intermediación laboral Ilunion Empleo e Inserta Empleo, ás que definiu como “xestores de talento e emprego de persoas con discapacidade pero tamén doutros colectivos”.

A secretaria xeral para o Deporte identificou os valores principais deste proxecto coas cualidades que encarnan os deportistas e destacou a estes como “exemplo de valores de convivencia, exemplo de valores máis presentes nas relacións laborais e exemplo de capacidades adquiridas coa práctica deportiva”. “Valores do deporte e do que este pode achegar ás empresas”, sentenciou.

Eu son DGAN’

O programa procurará a integración laboral das e dos deportistas de alto nivel traballando desde un primeiro momento na compensación das dificultades que a práctica do deporte de alta competición pode causar na formación e na integración laboral dos deportistas. ‘Eu son DGAN’ está destinado a todos os deportistas galegos de alto nivel, que son e que o foron.

O deporte de alto nivel esixe un compromiso férreo cun estilo de vida baseado no esforzo, no sacrificio, no adestramento diario e na disciplina. Os deportistas de alto nivel representan uns valores que todo directivo debe querer ter na súa empresa.

O convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e as asociacións Inserta Empleo e Ilunion Empleo para a posta en marcha do Programa ‘Eu son DGAN’ terá un importe de 194.770 euros (19.190 euros en 2017, 87.790 euros en 2018 e 87.790 euros en 2019) achegados pola Xunta de Galicia. Pola súa banda, a achega da ONCE cuantifícase en 43.178 euros.

Trátase de garantir a capacidade económica da asociación Ilunion Empleo e poder levar a cabo os proxectos e programas de cooperación en materia de fomento da formación e o emprego de calidade entre os deportistas galegos de alto nivel durante e unha vez finalizada a súa traxectoria no ámbito deportivo.  

Vistas:  106

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds