Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

27.11.2017

A Secretaría Xeral para o Deporte publica o listado provisional de solicitudes admitidas da Convocatoria de Axudas a Deportistas de Alto Nivel DGAN 2017

No caso das solicitudes pendentes de documentación, os solicitantes terán ata o martes 12 de decembro para poder presentar os documentos requiridos

Imprimir Atrás

Santiago, 27 de novembro de 2017.- A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar na súa páxina web o listado provisional de solicitudes admitidas, con documentación incompleta, fóra de prazo ou que non cumpren, da Convocatoria de Axudas a Deportistas de Alto Nivel ‘Axudas DGAN 2017’.

No caso das solicitudes pendentes de documentación, os solicitantes terán ata o martes 12 de decembro para poder presentar os documentos requiridos accedendo á Carpeta do Cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (presentación telemática) ou no Rexistro da Fundación Deporte Galego ou mediante correo certificado, nos termos previstos no Real Decreto 1829/1999, de 3 de decembro, que aproba o Regulamento de servizos postais (presentación presencial).

Das 270 solicitudes rexistradas, 113 foron aceptadas (con toda a documentación presentada en tempo e forma), 145 pendentes de documentación (que deberán presentar de xeito imprescindible para poder participar na valoración de resultados) e 12 denegadas (nove delas por estar fóra de prazo e outras tres por non cumprir as condicións expostas no apartado de beneficiarios).

Tras os dez días outorgados para completar a documentación, revisaranse os resultados deportivos presentados en base aos criterios establecidos e concederanse ata un máximo de dúas axudas por solicitante (naqueles casos nos que se cumpran os criterios deportivos de resultados nos dous anos 2015 e 2016). Unha vez rematado este prazo publicarase a resolución definitiva de axudas DGAN 2017.

Axudas DGAN 2017

Con este trámite dáse continuación á convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel, axudas DGAN 2017. A principal novidade desta convocatoria é que, por primeira vez, ademais de manter tamén a liña tradicional de presentación presencial en formato papel, poderase cursar a solicitude de axuda de forma telemática. Cómpre salientar que tamén poderán solicitar axuda todos aqueles deportistas que estean ou estiveran recoñecidos pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas de Alto Nivel nalgún momento dos anos 2015, 2016 e 2017 (aínda que a día de hoxe non estea vixente o recoñecemento).

Esta convocatoria de axudas sae despois da resolución da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel polo procedemento iniciado en xuño de 2017. Ao abeiro desta resolución 26 novos deportistas (18 homes e 8 mulleres) son recoñecidos como deportistas de alto nivel que se suman aos 330 recoñecidos en anteriores convocatorias. Deste xeito, Galicia conta no momento actual con 356 deportistas galegos de alto nivel (223 homes e 133 mulleres).

Novo decreto

A Secretaría Xeral para o Deporte está a traballar na elaboración do proxecto de decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O pasado mes de xullo deuse inicio ao trámite de participación cidadá para compilar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas polos futuros regulamentos acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores, árbitros e xuíces galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.

A administración debe poñer a disposición deste colectivo unha serie de medidas que permitan compatibilizar a alta esixencia persoal do deporte de alto nivel coa consecución dunha formación académica que lles abra, nun futuro, a porta do mercado laboral, precisando unha axuda dirixida a súa integración e orientación, tanto laboral como social. Deste xeito, é necesario que os poderes públicos outorguen a protección e asistencia ao deporte de alto nivel, non só mediante axudas económicas concretas, senón tamén mediante outra serie de medidas.

Vistas:  1071

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds