Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

30.11.2017

Marta Míguez comproba o éxito da coordinación entre centros educativos, sanitarios e as administracións públicas na condición física dos escolares de Friol (Lugo)

Destaca o retroceso dun punto porcentual na taxa de obesidade infantil do centro educativo Doutor López Suárez, todo un éxito no contexto actual de incremento do sobrepeso

Imprimir Atrás

Friol (Lugo), 30 de novembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou hoxe o concello de Friol para coñecer os resultados obtidos nas valoracións da condición física saudable dos escolares deste concello para o curso 2017-2018, a través da Plataforma DAFIS, un proxecto liderado pola Secretaria Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, ao amparo do Plan Galicia Saudable, de fomento da actividade física para a saúde en todas as idades.

Estes resultados foron obtidos grazas a cesión dos datos do centro educativo CPI Doutor López Suárez ao servizo de pediatría do concello. No centro educativo realizouse o proxecto piloto da plataforma DAFIS (Datos de Actividade FIsica Saudable) en centros educativos escolares, proxecto que se leva a cabo dende o curso escolar 2012-2013.

Desta forma, e grazas a colaboración entre o centro educativo, o concello e o servizo de pediatría, a pediatra pode acceder aos datos dos resultados das valoracións da condición física saudable dos alumnos e alumnas do centro, realizados nas clases de Educación Física, e reforzar as actuacións que  se están a levar a cabo dende o centro a través do seu proxecto de vida activa e saudable.

O profesor coordinador do proxecto, Felipe Barata, indicou que o 95% do alumando cede os datos a pediatra, e resalta o dato do retroceso dun punto porcentual na taxa de obesidade infantil do centro educativo, todo  un éxito no contexto actual de incremento do sobrepeso e obesidade infantil.

Ao longo destes anos DAFIS ten demostrado ser unha plataforma útil para o seguimento da evolución da condición física saudable do alumnado de Educación Primaria e Secundaria en Galicia, así como a evolución do IMC da poboación escolar avaliada, podendo establecer correlacións entre ambos parámetros.

Segundo a secretaria xeral para o Deporte, DAFIS é unha plataforma cun gran potencial para “a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade infantil; unha ferramenta que mellora a saúde da nosa poboación a través da práctica regular de actividade física, exercicio físico e deporte”.

DAFIS nos concellos

Así tamén na mañá de hoxe celebrouse o IX Curso de Formación da Plataforma de Datos de Actividade Física Saudable que tivo lugar no Centro de Iniciativas Empresariais de Camariñas (A Coruña) organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego. O curso de 20 prazas conta co obxectivo de vencellar esta plataforma aos proxectos de vida activa nos centros educativos a través dun novo modelo de implantación dirixido directamente aos concellos de Galicia xa que ata o momento actual a implantación da plataforma dirixíase exclusivamente aos centros que participan en programas de innovación educativa (Plan Proxecta da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria).

Esta nova modalidade posibilitará que máis centros se adhiran á Plataforma DAFIS e que os nenos e nenas de Galicia, que son os verdadeiros beneficiados, poidan realizar unha actividade física de mellor calidade grazas a esta diagnose realizada a través deste novo  proxecto de colaboración institucional coordinado dende a Administración autonómica, e que implica a concellos, centros educativos, Anpas e a todo o  tecido deportivo e promotor de vida activa de cada un dos concellos participantes.

Marta Míguez valorou a posibilidade de que DAFIS poida aplicarse non só nos centros educativos que participen no Plan Proxecta e resaltou a importancia do novo modelo de integración nos concellos de Galicia porque achega a posibilidade de “coñecer a situación real do 100% da poboación escolar dun municipio por rangos de idade e outros datos para poder planificar e implementar as medidas necesarias para a mellora da saúde a través da práctica diaria de actividade fisica”.

O IX Curso de Formación da Plataforma de Datos de Actividade Física Saudable en Camariñas ten lugar tras a celebración do VIII Curso en Cangas (Pontevedra). Cómpre salientar que outros concellos como Arteixo xa amosaron o seu interese neste novo modelo da plataforma DAFIS e que nas vindeiras datas terán lugar novos cursos de formación orientados aos profesores dos centros destes municipios.

Curso 2017-2018

Neste curso escolar 2017-2018 participan 58 centros educativos escolares galegos, 11 da provincia de Lugo, 7 de Ourense, 18 de Pontevedra e 22 da Coruña, dentro  dos proxectos de innovación educativa realizados en coordinación co Plan Proxecta, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A Secretaría Xeral para o Deporte coordina, dentro deste Plan, os proxectos de vida activa e saudable, coa participación de 228 centros educativos, cos que a Secretaría Xeral e a Fundación Deporte Galego traballan conxuntamente para fomentar estes hábitos nos escolares galegos, e crear modelos de éxito replicables en todo o territorio.

Vistas:  78

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds