Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

01.12.2017

A secretaria xeral para o Deporte comproba o estado das instalacións deportivas de Cabanas e Vilarmaior melloradas pola Xunta

No Concello de Cabanas, visitou o novo circuíto de motocross que tivo un importe total de 25.000 euros, achegados tamén de xeito íntegro pola Secretaría Xeral

Imprimir Atrás

Vilarmaior e Cabanas (A Coruña), 1 de decembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou na mañá de hoxe os concellos coruñeses de Vilarmaior e Cabanas onde supervisou o estado final das obras levadas a cabo para a mellora das infraestruturas deportivas dos concellos. A máxima responsable do deporte galego insistiu unha vez máis na importancia da coordinación entre as diferentes institucións públicas para acadar un mapa de infraestruturas deportivas renovado e que cubra á perfección as necesidades da poboación galega. “É a nosa obriga mellorar os equipamentos deportivos da Comunidade Autónoma de Galicia para o fomento do deporte no ámbito municipal e autonómico”, dixo.

Por unha banda, no Concello de Vilarmaior, a responsable de Deporte dirixiuse ao polideportivo municipal onde se levaron a cabo as reparacións de canalóns desta infraestrutura cun importe total de 14.644,29 euros, achegados integramente pola Secretaría Xeral para o Deporte a tenor do convenio asinado o pasado 14 de agosto do presente exercicio. Deste xeito, apuntou a secretaria xeral, “corríxense as deficiencias que presentaba o polideportivo e que impedían o correcto uso da instalación”.

Por outra banda, no Concello de Cabanas, Marta Míguez visitou o novo circuíto de motocross construído segundo o convenio asinado o pasado 8 de xuño. O importe total das actuacións acadou os 25.000 euros, achegados tamén de xeito íntegro pola Secretaría Xeral para o Deporte. Marta Míguez salientou a necesidade desta actuación que “supón un pulo para a verdadeira escola do deporte base para o automobilismo deportivo, pola importancia do Concello de Cabanas para a promoción do deporte do mundo do motor en toda a comarca que comprende”.

Cómpre sinalar que a Secretaría Xeral para o Deporte destinará no próximo 2018 unha contía de 2.983.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia, dos que 1.100.000 euros corresponden ao Capítulo 760 para as obras nas infraestruturas deportivas dos concellos de Galicia. O montante total destinado a obra propia e obras nas infraestruturas deportivas aumenta un 23% con respecto ao destinado en 2017 (2.425.570 euros).

Vistas:  70

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds