Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

30.11.2017

A secretaria xeral para o Deporte e o alcalde de Outeiro de Rei asinan o convenio para a adecuación do circuíto como centro de deportes de motor e seguridade viaria

O importe total das actuacións a realizar ascende á cantidade de 223.764,25 euros, dos que a Secretaría Xeral para o Deporte subvencionará 157.000 euros e o Concello de Outeiro de Rei achegará os restantes 66.764,25 euros en dúas anualidades

Imprimir Atrás

Outeiro de Rei (Lugo), 30 de novembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asinou esta mañá co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, o convenio de colaboración para a adecuación das instalacións do circuíto do concello como centro de deportes de motor (centro de formación e tecnificación) e seguridade viaria. Segundo o convenio, o importe total das actuacións a realizar ascende á cantidade de 223.764,25 euros, dos que a Secretaría Xeral para o Deporte subvencionará 157.000 euros e o Concello de Outeiro de Rei achegará os restantes 66.764,25 euros en dúas anualidades.

A responsable da carteira de Deporte sinalou a importancia da mellora das instalacións deportivas de Galicia para que “todos os nosos deportistas e cidadáns poidan desfrutar dunhas infraestruturas renovadas e seguras”. “O deporte é unha cuestión de país e como tal todas as administracións somos responsables do seu coidado”, engadiu.

Co fin de dar un novo pulo ao circuíto do concello de Outeiro de Rei situado en Robra, o convenio asinado hoxe regulará a súa reforma para convertelo nun centro de formación e tecnificación de deportes do motor e seguridade viaria, ampliando e mellorando as instalacións existentes e dotándoas de versatilidade e da posibilidade de simultaneidade de usos con distintas variantes.

A intervención que se propón consiste en acondicionar os terreos para o novo trazado, dotándoo dunha rede de drenaxe e executando os firmes e pavimentos, así como os bordos correspondentes. Asemade, prevese a execución de instalacións de rego e fontanería, e tamén de electricidade e alumeado e sinalización.

A Secretaría Xeral para o Deporte participa neste proxecto co obxectivo de potenciar o deporte base sendo consciente da importancia da súa colaboración económica cos concellos para afrontar obras que beneficien ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva. No vindeiro exercicio de 2018, a Secretaría Xeral para o Deporte ten previsto destinar un total de 2.983.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia, un 23% máis con respecto ao destinado en 2017 (2.425.570 euros).

Vistas:  68

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds