Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

01.12.2017

Marta Míguez recoñece o traballo das persoas, entidades e institucións que xeran unha “intensa rede que pon en común o traballo á fronte da xestión deportiva”

O obxectivo, dixo a secretaria xeral, “é que en Galicia se siga prestando atención á calidade dos eventos deportivos e á seguridade dos deportistas e dos afeccionados”

Imprimir Atrás

Betanzos (A Coruña), 1 de decembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asistiu no serán de hoxe á entrega dos Premios Galicia á Xestión Deportiva concedidos pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE). Alí, a máxima responsable do Deporte galego salientou que estes galardóns son o recoñecemento “daquelas persoas, entidades e institucións que cumpren á perfección con todas as etapas da xestión deportiva e que axudan a xerar unha intensa rede na que poñen en común o seu traballo á fronte do deporte”.

O obxectivo, dixo a secretaria xeral, “é que en Galicia se siga prestando atención á calidade dos eventos deportivos e á seguridade dos deportistas e dos afeccionados”. “Queremos que Galicia sexa un lugar onde os xestores deportivos esteamos en constante formación para nutrirnos de coñecementos e experiencias que nos permitan estar á altura dos nosos eventos e dos nosos deportistas”, continuou.

Deste xeito, explicou Marta Míguez no Edificio Liceo de Betanzos, Galicia “seguirá sendo un referente na organización e xestión de eventos deportivos, de aí que estes premios á xestión deportiva, que xa van pola súa oitava edición, sexan tanto un recoñecemento polo traballo ben feito como unha motivación para continuar nese camiño”.

Vistas:  62

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds