Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

17.12.2017

Marta Míguez refírese ao piragüismo como un deporte que os galegos e galegas “adoptamos facéndoo noso e converténdoo nunha marca do noso país”

Asegura que a Xunta de Galicia renova “un ano máis o compromiso co deporte galego en xeral e co piragüismo en particular”

Imprimir Atrás

Ribadumia (Pontevedra), 17 de decembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou no día de hoxe na Gala do Piragüismo Galego organizada pola Federación Galega e que recoñece o traballo e os éxitos colleitados durante a tempada 2017. Nas súas verbas a titular de Deporte explicou que a pesar de que “non podemos dicir que o piragüismo sexa exclusivo de Galicia”, pola cantidade de lugares nos que se practica, “os galegos e as galegas adoptamos ao piragüismo facéndoo noso e converténdoo nunha marca do noso país”.

De feito, informou a secretaria xeral, entre os máis de 200 países que adoitan competir en cada edición dos Xogos Olímpicos, Galicia (con tres ouros, cinco pratas, dous bronces e máis de vinte diplomas) ocuparía o posto vixésimo primeiro no medalleiro histórico de piragüismo por diante de potencias como China, Polonia ou Brasil.

Tras enumerar un por un a todos os premiados, Marta Míguez valorou o traballo no piragüismo base e xuvenil que demostra que “o relevo xeracional do piragüismo galego está perfectamente preparado”. Do mesmo xeito tamén recoñeceu especialmente o traballo de Suso Morlán e Mus -“dúas persoas que viviron o piragüismo dun xeito apaixonado”- e que recibiron as insignias de ouro.

Contra o final do seu relatorio, a secretaria xeral para o Deporte asegurou que a Xunta de Galicia renova “un ano máis o compromiso co deporte galego en xeral e co piragüismo en particular, continúa apostando polo deporte nos mares e nos ríos de Galicia que tantas ledicias nos dá cada tempada e traballa conxuntamente coa federación e cos clubs galegos na mellora do piragüismo de Galicia”.

Vistas:  331

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds