Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

17.01.2018

Marta Míguez será a madriña da edición 2018 do Gran Fondo do Ézaro, “un dos eventos deportivos máis incribles de Galicia”

Destaca que “esta edición de 2018 ten un valor engadido xa que formará parte do circuíto das World Series da Unión Ciclista Internacional, sendo a única que se celebrará en España”

Imprimir Atrás

Madrid, 17 de xaneiro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou na presentación dunha nova edición da proba ciclista do Gran Fondo do Ézaro no contexto da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR). No transcurso do acto anunciouse que Marta Míguez será a madriña desta edición de 2018, xunto co tamén padriño o ex ciclista, Pedro Delgado. Respecto a esta distinción, a titular do Deporte galego asegurou sentir un “gran orgullo e compromiso” e que a partir deste momento difundirá e promoverá "máis se cabe" as bonanzas dun dos eventos deportivos "máis incribles de Galicia".

Na súa intervención, a secretaria xeral sinalou que o miradoiro do Ézaro é un “dos lugares máis máxicos de Galicia” onde “nace a combinación perfecta entre natureza e deporte grazas ao Gran Fondo do Ézaro”, unha proba que cualificou como “unha subida tan esixente como fermosa”.

Nesta liña, Marta Míguez lembrou a subida ao miradoiro do Ézaro do pasado 2 de xullo onde puido comprobar in situ “a forza da tradición combinada co poder do deporte nun entorno natural como o desta fervenza única en Europa”. Ademais, dixo, “esta edición de 2018 ten un valor engadido xa que formará parte do circuíto das World Series da Unión Ciclista Internacional, sendo a única que se celebrará en España”.

A responsable da carteira de Deporte da Xunta de Galicia amosou o seu convencemento de que o vindeiro 8 de xullo “poderemos ver grandes nomes como os que afrontaron a subida de 2017 -Gómez Noya, Alex Zülle, Tony Rominger ou Óscar Pereiro- para participar de novo nesta espectacular iniciativa, brillantemente organizada por el equipo de Ezequiel Mosquera”. “Nomes que reforzan o gran impacto mediático que ten o Gran Fondo do Ézaro”, engadiu.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou a importancia do Gran Fondo do Ézaro, un evento deportivo celebrado “nun dos destinos galegos no que o turismo internacional medrou máis intensamente o ano pasado, a Costa da Morte”.

Neste sentido falou do papel do turismo deportivo para fortalecer a Galicia como destino turístico de calidade e máis concretamente do miradoiro do Ézaro “escollido en máis dunha ocasión para ser protagonista dalgunha das etapas da Volta Ciclista a España e multiplicando o coñecemento internacional de Galicia”. O deporte é, dixo, “unha oportunidade única para dar a coñecer os impresionantes paisaxes, a sorprendente natureza, a excelente enogastronomía e o noso importante patrimonio cultural”.

Vistas:  198

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds