Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

09.02.2018

A secretaria xeral para o Deporte participa na presentación do equipo ciclista supermercados Froiz que cumpre 30 anos “de inclusión e de deporte base"

Recoñece o traballo do equipo ciclista e da súa directiva, representada por Evaristo Portela, dos que valorou “a súa implicación, traballo decidido e determinación para sacar adiante un obxectivo tan importante como posicionar o deporte galego nos mellores postos do panorama nacional e internacional”

Imprimir Atrás

Pontevedra, 9 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe na Deputación Provincial de Pontevedra na presentación do equipo ciclista Grupo Deportivo Supermercados Froiz para a tempada de 2018 na que o conxunto cumpre 30 anos.

A titular do departamento de Deporte da Xunta de Galicia salientou os principais éxitos do palmarés do equipo galego entre os que se atopan ser o mellor equipo nacional en categoría elite e sub-23 durante sete anos consecutivos, así como medallas en Xogos Paralímpicos e en campionatos do Mundo, polo que confirmou que o Supermercados Froiz “cumpre 30 anos de historia baseados na inclusión e no deporte base, piares do seu crecemento”.

Neste sentido gabou a figura do vigués José Enrique Porto e do madrileño César Neira, corredores paralímpicos homenaxeados na gala como dous dos deportistas máis representativos do Froiz e aos que identificou como un exemplo para todos nós. Do mesmo xeito dirixiuse aos nenos dos colexios San José e Campolongo, aos que animou a “mirar aos referentes do ciclismo que estiveron na cúspide do éxito” -como Perico Delgado, Álvaro Pino, Óscar Pereiro ou Gustavo César Veloso, presentes no acto- para “acadar as mellores vitorias” a través dos valores deportivos da “constancia, capacidade de sufrimento, afán de superación, vontade de ser cada vez mellor, resiliencia e compromiso”.

A secretaria xeral destacou a importancia dos 30 anos “de calidade” do Supermercados Froiz dentro da historia do ciclismo en Galicia, que xa suma 131 anos. Por todo isto recoñeceu o traballo do equipo ciclista e da súa directiva, representada por Evaristo Portela, dos que valorou “a súa implicación, traballo decidido e determinación para sacar adiante un obxectivo tan importante como posicionar o deporte galego nos mellores postos do panorama nacional e internacional”. 

Vistas:  182

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds