Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

01.03.2018

Marta Míguez asegura que o Campionato de España de Pista Cuberta sub-20 será “unha oportunidade para sorprender a España coa Galicia que se supera día a día”

Ourense será o escenario onde competirán os mellores 700 atletas sub-20 do país que virán acompañados de 500 técnicos e adestradores, así como tamén dos xuíces, público, organización e afeccionados que “terán a oportunidade de coñecer do que nos desfrutamos cada día, Ourense e a súa pista”

Imprimir Atrás

Ourense, 1 de marzo de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, presentou os XLV Campionatos de España sub-20 en pista cuberta masculino e os XL Campionatos de España sub-20 en pista cuberta feminino que terán lugar o 3 e o 4 de marzo na pista cuberta de Ourense. Alí, a responsable do Deporte galego salientou que grazas a nova pista cuberta de Ourense, inaugurada o pasado 16 de decembro, Galicia volverá a acoller un campionato de España de atletismo en pista cuberta, 44 anos despois de que Riazor acollera o Campionato de España Júnior. “Será unha oportunidade para sorprender a España coas nosas instalacións, co noso nivel atlético, co noso nivel organizativo, e coa nosa Galicia que se supera día a día”, engadiu.

O Campionato de España sub-20, tanto masculino como feminino, achegará á a cidade das Burgas, dixo Marta Míguez, “un auténtico espectáculo do mellor atletismo nacional previo á categoría absoluta durante os días 3 e 4 de marzo en tres xornadas atléticas”. Unha cita que servirá para ver “ás futuras estrelas do atletismo español e aqueles deportistas que nos representarán nos campionatos internacionais máis importantes, como os Xogos Olímpicos e os Mundiais, e algúns deles incluso serán medallistas”.

Ourense, que por vez primeira acollerá un Campionato de España en pista cuberta, será o escenario onde competirán os mellores 700 atletas sub-20 do país que virán acompañados de 500 técnicos e adestradores, así como tamén dos xuíces, público, organización e afeccionados que “terán a oportunidade de coñecer do que nos desfrutamos cada día, Ourense e a súa pista”.

Marta Míguez asegurou que Ourense será esta fin de semana “o eixe, o corazón e a médula do mellor atletismo español”. Unha ocasión perfecta para que a pista se converta en “talismán para que cadaquén bata as súas marcas e para que se posicione a nivel nacional como un referente”.

Vistas:  115

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds