Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

10.04.2018

A secretaria xeral para o Deporte recibe a Francisco Pérez Carrera que vén de acadar tres ouros e tres pratas no Mundial de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual

Imprimir Atrás

Santiago, 10 de abril de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, recibiu no día de hoxe a Francisco Pérez Carrera, acompañado do seu adestrador, que vén de acadar seis medallas (tres ouros en péntatlon, salto de lonxitude e relevo 4x200, así como outras tres pratas en 60 metros vallas, pértega e relevo 4x400) no Mundial de atletismo para persoas con discapacidade intelectual celebrado en Val de Reuil (Francia).

No transcurso da reunión, á que Francisco Pérez Carrera acudiu para amosarlle á secretaria xeral as medallas mundiais, Marta Míguez felicitou ao atleta vigués polos últimos resultados obtidos e por toda a súa traxectoria, ao tempo que animou ao deportista a continuar adestrando con esforzo, sacrificio e traballo constante para conseguir novos títulos e triunfos que sitúen a Galicia como unha referencia no atletismo.

Do mesmo xeito, Marta Míguez apuntou cara a necesidade de normalizar o deporte adaptado e valorou a importancia de que atletas como Francisco Pérez Carrera acaden importantes vitorias que cheguen ao público xeral e que fagan á poboación galega sentirse orgullosa.

Vistas:  155

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds