Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

02.05.2018

Míguez defende en Portugal o papel do deporte como motor de desenvolvemento humano, económico e social e destaca as principais accións da Secretaría Xeral para o Deporte

Enumera as partidas destinadas á actividade deportiva para este 2018 cun total de 11,5 millóns de euros do orzamento total da Secretaría Xeral para o Deporte que suma 21,9 millóns de euros

Imprimir Atrás

Melgaço (Viana do Castelo, Portugal), 2 de maio de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou esta mañá na mesa redonda ‘Deporte ao servizo do desenvolvemento e a paz: as experiencias portuguesa e galega’ dentro do I Simposio Internacional ‘Deporte ao servizo do desenvolvemento: actores, perspectivas e desafíos’ que conmemora o 7º aniversario da Escola Superior de Deporte e Lecer Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

Alí a máxima responsable do Deporte galego reivindicou o deporte como “moito máis que unha actividade física, é desenvolvemento económico e social e promove os dereitos humanos”. Así enumerou algunhas das medidas levadas a cabo pola Xunta de Galicia para garantir o devandito desenvolvemento como as partidas destinadas á actividade deportiva para este 2018 cun total de 11,5 millóns de euros do orzamento total da Secretaría Xeral para o Deporte que suma 21,9 millóns de euros. Dentro destas partidas destacou os convenios coas federacións, subvencións a clubs e asociacións deportivas, seguro do deporte escolar e programa Xogade, becas aos deportistas de alto nivel, patrocinio a equipos de alta competición ou a promoción do deporte e patrocinio de eventos deportivos que posicionan a Galicia como destino turístico activo, saudable e de calidade aproveitando os recursos do territorio.

Ademais, nas súas verbas, Marta Míguez salientou outros programas da Secretaría Xeral como o II Salón do Deporte e Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ que este ano terá lugar o 15, 16 e 17 de novembro na cidade de Ourense; o programa ‘Eu son DGAN’ que procura a integración laboral das e dos deportistas galegos de alto nivel traballando desde un primeiro momento na compensación das dificultades que a práctica do deporte de alta competición pode causar na formación e na integración laboral dos deportistas; ou o investimento realizado en instalacións deportivas como a nova pista cuberta de atletismo en Ourense.

O Deporte para o Desenvolvemento e a Paz

Durante o simposio internacional que tivo lugar no Complexo Deportivo e de Lecer Comendador Rui Solheiro, a titular da carteira de deportes lembrou que en 2013 “o 6 de abril foi declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz”, unha data que conmemora a inauguración, en 1896, dos primeiros Xogos Olímpicos da era moderna, na cidade de Atenas (Grecia).

Desde a Xunta de Galicia, dixo Marta Míguez, “cremos nun deporte igualitario, plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, xerador de noticias, transmisor de valores, motor de cambio social, inclusivo, educativo e globalizador. De feito, engadiu, o deporte “mellora e conserva a saúde e a autonomía persoal, asociándose ao concepto de calidade de vida” e “hoxe realiza unha gran achega ao empoderamento da muller”.

Para acadar ese deporte “que derriba todo tipo de barreiras”, a secretaria xeral enunciou as principais medidas que leva a cabo o Goberno galego conxuntamente con federacións, clubs, entidades e outras institucións como poden ser a creación da Comisión Galega de Control da Violencia para dar resposta ás denuncias e incidentes naquelas competicións deportivas oficiais no ámbito autonómico, provincial, zonal ou local e que estará en pleno funcionamento na tempada 2018-2019; a creación da Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe que tamén se espera que estea lista para a próxima tempada; a modificación da orde de axudas a entidades deportivas para evitar que ocorran sucesos ou incidentes violentos naquelas competicións de orde autonómica que teñan lugar en Galicia; a decisión de deixar de patrocinar os eventos deportivos nos que os premios polos mesmos postos e categorías teñan diferenza de contía entre a competición masculina e feminina ou a protección ás mulleres no eido do deporte feminino a través dunha gran batería de medidas como incentivar o número de licencias femininas e a porcentaxe de mulleres presentes nas xuntas directivas, a adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte, a garantía ao dereito á igualdade salarial ou as novas vantaxes para as deportistas no borrador do novo Decreto de deportistas de alto nivel.

Vistas:  128

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds