Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

15.05.2018

A secretaria xeral para o Deporte asina coa Federación Galega de Piragüismo o convenio para o mantemento, conservación e funcionamento do Complexo de Verducido

Para o cumprimento deste convenio, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2018, a Secretaría Xeral para o Deporte concederá á Federación unha subvención de 105.000 euros, a mesma cantidade consignada en 2017 e que representa un incremento do 5% con respecto ao orzamento destinado a este concepto no ano 2016 (100.000 euros)

Imprimir Atrás

Santiago, 15 de maio de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asinou esta mañá na Delegación da Xunta en Pontevedra co presidente da Federación Galega de Piragüismo o convenio para levar a cabo as actividades de mantemento e conservación do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido, Pontillón do Castro, no Concello de Pontevedra, así como para os gastos de funcionamento destas instalacións pola cesión outorgada pola Secretaría Xeral para o Deporte á Federación de Piragüismo. Para o cumprimento deste convenio, que estará vixente ao longo de todo o ano 2018, a Secretaría Xeral para o Deporte concederá á Federación unha subvención de 105.000 euros, a mesma cantidade consignada en 2017 e que representa un incremento do 5% con respecto ao orzamento destinado a este concepto no ano 2016 (100.000 euros).

Deste xeito dáse cumprimento á competencia exclusiva da Comunidade Autónoma establecida no Estatuto de Autonomía da promoción do deporte (artigo 27.22), correspondéndolle á Secretaría Xeral para o Deporte as competencias de elaboración, proposta e execución da política do goberno galego en materia de deportes. No exercicio desta competencia, a Xunta de Galicia proxectou e executou a obra de construción do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido, co obxectivo de destinarse á formación, preparación e especialización dos deportistas galegos da modalidade do piragüismo. O Complexo Náutico debe ser xestionado de tal xeito que garanta o seu máximo rendemento deportivo, a través da aplicación de acertados programas técnico-deportivos que abarquen desde a base ao alto rendemento, garantindo un contexto idóneo para o crecemento e desenvolvemento dos deportistas galegos nos ámbitos deportivo, pedagóxico e social.

Ademais da mellora da tecnificación e rendemento no piragüismo de Galicia, cómpre optimizar o centro de cara á consecución de melloras similares en todas aquelas modalidades deportivas que poidan beneficiarse do uso destas instalacións polas súas características especificas e posibilidades que ofrecen. Deste xeito, o 10 de agosto de 2017 a Secretaría Xeral para o Deporte asinaba un convenio de colaboración coa Federación Galega de Piragüismo polo que se lle outorgaba a concesión do complexo náutico e campo de regatas David Cal en Verducido, Pontillón do Castro, por un período de cinco anos, prorrogables por períodos sucesivos de cinco anos, ata un máximo de 75 anos.

Ademais das funcións establecidas no convenio e que se cinguen ao mantemento, conservación e funcionamento do complexo deportivo, a Federación Galega de Piragüismo deberá velar pola igualdade efectiva entre mulleres e homes así como cumprir o establecido na Lei 19/2007 do 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte; colaborar, fomentar e facilitar a participación no deporte das persoas con algunha discapacidade, tal e como se establece no artigo 51 da Lei 3/2012, do 2 de abril; posibilitar a participación inclusiva de todas as persoas deportistas independentemente da súa raza, inclinación sexual, ideoloxía, sexo, discapacidade, relixión e nivel de rendemento, con especial atención nas actuacións correspondentes ao programa de deporte en idade escolar; velar polo cumprimento das normas fixadas polas autoridades en materia de prevención e loita contra a dopaxe no deporte; velar polo cumprimento das normas fixadas polas autoridades en materia de loita contra a violencia no deporte; fomentar a posta en práctica de medidas encamiñadas á prevención de accidentes deportivos con especial atención á poboación en idade escolar; ou garantir os dereitos lingüísticos de todas as persoas, empregando o galego e o castelán nas súas comunicacións.

A autorización deste convenio prodúcese 15 días despois da sinatura do convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Piragüismo para a realización das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade. Segundo este convenio, a Secretaría Xeral para o Deporte concédelle á Federación Galega de Piragüismo unha subvención por un importe máximo de ata 266.824 euros para a realización dos seus respectivos programas de promoción deportiva para a anualidade 2018. Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte concédelle neste 2018 un total de 371.824 euros.

Vistas:  164

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds