Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

21.05.2018

Míguez destaca a “organizadores, patrocinadores, institucións públicas, pilotos, forzas e corpos de seguridade, público e voluntarios” como garantía do éxito do Rally Terra da Auga

Incide na idea de que “a minuciosidade dos organizadores, o traballo de todas as institucións, a protección dos corpos e forzas de seguridade e o respecto no comportamento do público, serán claves para poder vivir unha fin de semana de motor onde destaque a calidade de todos os pilotos, e especialmente, os galegos”

Imprimir Atrás

O Pino (A Coruña), 21 de maio de 2018.- A secretaría xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou no serán de hoxe na presentación do Rally Terra da Auga que terá lugar na comarca de Arzúa -nos concellos de Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro- durante os días 25 e 26 de maio. Na súa interlocución, a máxima responsable do Deporte galego salientou a importancia dos organizadores, patrocinadores, institucións públicas, pilotos, forzas e corpos de seguridade, público e voluntarios” como piares fundamentais para garantir “o éxito éxito do Rally Terra da Auga ao longo da súa curta pero intensa historia”.

Deste xeito, Marta Míguez gabou o “minucioso traballo” dos organizadores do rally e da Escudería A.D.N. Motor, responsable de que o evento transcorra sempre con normalidade. Así tamén valorou a importancia da “suma de esforzos das institucións públicas e o apoio das administracións ao deporte” como representa a presenza do acto dos representantes da Xunta de Galicia pero tamén dos concellos polos que transita a proba.

De seguido, a secretaria xeral agradeceu o traballo dos tres patrocinadores principais da proba -Louzao, Gadisa e Dimonorte- e apuntou que o “apoio do sector privado, sumado ás subvencións públicas, fai que o deporte galego medre en cantidade e calidade”. Do mesmo xeito, Míguez destacou a importancia dos “verdadeiros protagonistas do rally, os pilotos e copilotos que se enfrontarán aos sempre difíciles tramos da comarca de Arzúa” como Perfecto Calviño e Cándido Carrera -piloto e copiloto-, ambos os dous campións de España nas súas especialidades.

A secretaria xeral pechou as súas verbas incidindo na idea de que “a minuciosidade dos organizadores, o traballo de todas as institucións, a protección dos corpos e forzas de seguridade e o respecto no comportamento do público, serán claves para poder vivir unha fin de semana de motor onde destaque a calidade de todos os pilotos, e especialmente, os galegos”.

Vistas:  121

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds