Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

25.05.2018

A Xunta pon á disposición das federacións deportivas as instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública

As 58 federacións deportivas galegas poderán utilizar as instalacións da AGASP para as concentracións das seleccións galegas deportivas ou labores de tecnificación e seguimento de

Imprimir Atrás

A Estrada (Pontevedra), 25 de maio de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asinaron na mañá de hoxe o convenio de colaboración para determinar o uso das instalacións da AGASP por parte das federacións deportivas galegas. Segundo este acordo, a Xunta de Galicia pon á disposición das 58 federacións deportivas galegas as instalacións da AGASP para levar a cabo as concentracións das seleccións galegas deportivas ou para facer labores de tecnificación e seguimento de deportistas de categorías base ou de formación.
Na sinatura do convenio, o vicepresidente destacou que as instalacións da Academia cumpren todas as condicións necesarias para prestar un servizo de calidade aos deportistas galegos. Grazas a este acordo, ademais, diversifícanse as actividades da AGASP -centradas fundamentalmente na formación dos corpos e forzas de seguridade e dos equipos emerxencias- e consolídase así a este centro como un referente a nivel estatal.
Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte enumerou algunhas das instalacións deportivas de titularidade autonómica que hai en Galicia, unha lista na que dixo deben estar “as grandes instalacións deportivas das que dispón a Academia Galega de Seguridade Pública”. “E como cremos que os nosos deportistas deben desfrutar de todas estas instalacións, hoxe poñemos esta infraestrutura ao servizo das 58 federacións deportivas galegas”, engadiu. Grazas a sinatura deste convenio, dixo Marta Míguez, “as nosas seleccións poderán concentrarse nunhas instalacións que contribuirán á mellora do rendemento dos nosos deportistas”.
10.000 m2 útilesA AGASP conta cunha edificación de máis de 10.000 m2 útiles situada nun recinto pechado de máis de 180.000 m2. Entre as súas instalacións destacan unha residencia con capacidade para 120 persoas, diferentes tipos de aulas, laboratorios, salas de estudo, conferencias e de xuntas, salón de actos, biblioteca, foxo de tiro, instalacións deportivas, áreas de esparexemento, cafetería e restaurante. Segundo o texto do convenio asinado hoxe, a AGASP outorgará autorizacións de uso sobre parte das instalacións do centro que incluirán residencia; ximnasio; sala de tatami; salas de xuntas, informáticas e outros espazos; así como as pistas exteriores.
A Secretaría Xeral para o Deporte deberá facilitar a AGASP antes do comezo de cada ano natural un programa de concentracións das distintas federacións deportivas galegas, no que se indicará as datas da concentración, o número de membros de cada selección, indicando categoría, sexo e condición na que acude (deportistas, adestradores, médicos...) e número de habitacións necesarias e a distribución.
Cómpre salientar que este convenio beneficia ás 58 federacións galegas existentes como son as de Actividades Subacuáticas, Aeronáutica, Atletismo, Automobilismo, Bádminton, Baloncesto, Balonmán, Béisbol e Sófbol, Billar, Bolos, Boxeo, Caza, Chave, Ciclismo, Colombofilia, Colombicultura, Deporte Adaptado, Deportes Inverno, Esgrima, Espeleoloxía, Esquí Náutico, Fútbol, Golf, Halterofilia, Hípica, Hóckey, Judo e Deportes Asociados, Karate e Deportes Asociados, Kickboxing, Kung-Fu, Loita e Deportes Asociados, Montañismo, Motociclismo, Motonáutica, Natación, Orientación, Pádel, Patinaxe, Pelota, Pesca, Petanca, Piragüismo, Remo, Rugby, Salvamento, Squash, Surf, Taekwondo, Tenis, Tenis de Mesa, Tiro ao voo, Tiro con arco, Tiro Olímpico, Triatlón e Péntatlon Moderno, Vela, Voleibol, Xadrez e Ximnasia.
Visita á piscina

Tras a sinatura do convenio, Rueda e Míguez visitaron a piscina da Academia, que foi recentemente renovada e que constitúe un bo exemplo das instalacións deportivas das que dispón a AGASP. Nos últimos anos a Xunta ten investido uns 465.000 euros nas renovación destas instalacións, no que se inclúe tanto o investimento directo e o orzamento destinado ao seu mantemento e actualización. Ademais, o concello da Estrada achegou tamén 80.000 euros para a renovación completa do seu ximnasio.

Vistas:  277

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds