Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

09.07.2018

Marta Míguez defende un deporte “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas” na presentación do VI Campionato de España de Natación Artística Alevín – Júnior

Fai mención especial aos tres nenos que competirán en medio das máis de 400 mulleres, concretamente, 180 nadadoras de 16 clubs, na categoría alevín e outras 240 nadadoras de 28 clubs de toda España, na categoría júnior

Imprimir Atrás

Ourense, 9 de xullo de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou esta mañá na presentación dos Campionatos de España de Verán Alevín – Júnior de Natación Artística que terán lugar en Ourense entre o 11 e o 15 de xullo. No seu relatorio a responsable do Deporte galego asegurou que a Xunta de Galicia “non cre en deportes para mulleres e homes” e defendeu novamente un deporte “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas”. “A Secretaría Xeral para o Deporte apoiará sempre e en todo momento a igualdade no deporte tanto sexan mulleres ou homes os damnificadas por prácticas desiguais e inxustas”, engadiu.

Así o fixo tras facer unha mención especial aos tres nenos que competirán no VI Campionato de España de Natación Artística en medio das máis de 400 mulleres, concretamente, 180 nadadoras de 16 clubs, na categoría alevín e outras 240 nadadoras de 28 clubs de toda España, na categoría júnior. Marta Míguez apuntou que estes tres nenos “son un motivo para crer na globalidade do deporte, para ter esperanza cara un futuro máis equitativo”.

Do 11 ao 15 de xullo na piscina Rosario Dueñas de Ourense poderase desfrutar do mellor espectáculo da natación artística nas especialidades de só libre e técnico, dúo libre e técnico, dúo mixto libre e técnico, rutina de equipo libre e técnica e rutina libre combinada. A secretaria xeral fixo fincapé na calidade das instalacións acuáticas da cidade de Ourense así como no apoio aos equipos galegos que competirán como son o Sincro Ourense, o Galaico Sincro de Pontevedra, o Real Club Náutico de Vigo, o Sincro Ferrol e o Sincro Pontevedra.

Vistas:  58

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds