Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

14.07.2018

O Comité Organizador do Festival Multideporte ITU 2019 de Pontevedra, do que forma parte a Xunta de Galicia, recolle o testemuño do festival 2018 celebrado en Dinamarca

Na xornada do venres tivo lugar a presentación do Festival Multideporte ITU 2019 da man do pentacampión mundial de tríatlon, Javier Gómez Noya, así como a primeira xuntanza do Comité Organizador

Imprimir Atrás

Odense (Dinamarca), 14 de xullo de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asistiu esta fin de semana á celebración do Festival Multideporte ITU 2018 que está a ter lugar na cidade de Odense na illa de Fionia, en Dinamarca. Alí tivo lugar a cerimonia de clausura do festival na que o Comité Organizador do Festival Multideporte ITU 2019, que terá lugar en Pontevedra e do que forma parte a Xunta de Galicia ademais da Deputación e do Concello de Pontevedra, recolleu a bandeira como testemuño desta proba que o ano que vén cumprirá a súa terceira edición tras as probas celebradas en Penticton (Canadá) en 2017 e a presente de Dinamarca en 2018.

Tras agradecer o traballo conxunto da Federación Galega de Tríatlon e Pentatlon Moderno, a Federación Española de Tríatlon e da Unión Internacional de Tríatlon que acadou que Pontevedra puidera acoller un evento desta magnitude no que se celebrarán cinco campionatos do Mundo (dúatlon, aquatlon, tríatlon de longa distancia, tríatlon cross e aquabike), a secretaria xeral destacou á cidade pontevedresa por ser “a cidade do tríatlon por excelencia” na que “se forxou a lenda dun dos nosos mellores deportistas da nosa historia, Javier Gómez Noya”. Neste sentido apuntou que o “clima, o entorno, as instalacións deportivas, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva e a experiencia organizativa en grandes eventos deportivos” de Pontevedra, convértena “nunha cidade ideal para acoller o Festival Multideporte ITU 2019”.

Precisamente na xornada do venres tivo lugar a presentación do Festival Multideporte ITU 2019 da man do pentacampión mundial de tríatlon, Javier Gómez Noya, así como a primeira xuntanza do Comité Organizador. Na mañá de hoxe tivo lugar o campionato do Mundo de tríatlon de longa distancia no que competiu o galego e vixente campión de España, Pablo Dapena.

Tras comprobar in situ a transcendencia destes campionatos, Marta Míguez valorou a chegada deste evento no verán de 2019 a Pontevedra que “será capaz de recibir aos 4.000 deportistas de elite que chegarán a Galicia para disputar e desfrutar do campionato” así como de “organizar con solvencia os cinco campionatos do Mundo que se inclúen no Festival”. Unha oportunidade, dixo, para “posicionar á nosa comunidade con un traballo de calidade en todo o mundo”.

Vistas:  73

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds