Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

18.07.2018

Marta Míguez felicita a Iago López Marra polo seu Campionato de Europa de 49er e destaca as súas cualidades como “o traballo, a responsabilidade, o compromiso e a xenerosidade”

Lembra que os deportistas son “a absoluta preferencia das políticas da Secretaría Xeral” e anima a López Marra a continuar “con esa motivación coa que afrontas o día a día para conseguir eses micro obxectivos que constrúen a túa meta final”

Imprimir Atrás

Porto do Son (A Coruña), 18 de xullo de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe no recibimento que o Real Club Náutico de Portosín realizou ao regatista galego, Iago López Marra, tras proclamarse campión de Europa na clase 49er xunto ao seu compañeiro, o cántabro Diego Botín, nos campionatos disputados en Gdynia (Polonia).

A responsable do deporte galego gabou a traxectoria do regatista de Portosín que xa foi olímpico en Río acadando un noveno posto e asegurou que con este novo título, que acada por segunda vez, demostra moitas das cualidades que ten e das que “todo o mundo fala” como “o traballo, a responsabilidade, o compromiso e a xenerosidade”, como mostra que o deportista entregou a súa última medalla ao Real Club Náutico de Portosín.

Marta Míguez incluíu a López Marra na lista dos mellores regatistas galegos na que tamén están “nomes xa consolidados e referentes para toda unha poboación” como son os de Támara Echegoyen, Sofía Toro, Fernando Echávarri ou Antón Paz, todos eles medallas de ouro olímpicas. A secretaria xeral tamén gabou a “canteira de regatistas espectacular coa que conta Galicia que xa nos ten regalado grandes conquistas como as de Pedro Ameneiro e Martín Wizner, campións do Mundo sub 17 da clase 420 a principios de ano en Australia e campións de Europa júnior sub 19 en Portugal ou as de Jacobo García e Toni Ripoll campións de Europa sub 17 tamén da clase 420 en Portugal”. “Es un exemplo para nenos e nenas e para achegar ou democratizar este deporte cara pequenos e maiores”, dixo.

A titular da carteira de Deporte lembrou que os deportistas son “a absoluta preferencia das políticas da Secretaría Xeral” e animou a López Marra a continuar “con esa motivación coa que afrontas o día a día para conseguir eses micro obxectivos que constrúen a túa meta final”.

Vistas:  79

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds