Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

23.07.2018

Marta Míguez participa na primeira Conferencia Sectorial do Deporte

A máxima responsable do deporte a nivel autonómico valorou este encontro como unha “magnífica oportunidade para mellorar a xestión e a coordinación deportiva tanto a nivel autonómico como nacional a través do consenso de todos os actores”

Imprimir Atrás

Madrid, 23 de xullo de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou no día de hoxe na primeira Conferencia Sectorial do Deporte convocada polo novo Goberno central na que se constituíu a propia Conferencia Sectorial e presentouse o informe do ministro de Cultura e Deporte, José Guirao, sobre as principais liñas de traballo e a necesaria cooperación coas Comunidades Autónomas. A aprobación da proposta do regulamento da Conferencia Sectorial foi posposta ata a vindeira reunión para que se poidan achegar novas alegacións.

A xornada de traballo tivo lugar na sede do Consello Superior de Deportes e tamén contou coa presenza da nova presidenta, María José Rienda, así como dos responsables en materia de deporte das diferentes comunidades autónomas.

A constitución da Conferencia Sectorial do Deporte responde á necesidade de crear un órgano de cooperación en materia de deporte, con atención aos principios de lealdade institucional, cooperación e respecto recíproco no exercicio das competencias que as administracións teñen atribuídas.

Nesta liña, a secretaria xeral valorou a oportunidade de debater cos responsables de deportes das demais comunidades moitos dos aspectos da xestión deportiva que concirnen a todas as comunidades españolas. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico valorou este encontro como unha “magnífica oportunidade para mellorar a xestión e a coordinación deportiva tanto a nivel autonómico como nacional a través do consenso de todos os actores”. Marta Míguez insistiu na importancia do diálogo e de atopar puntos de encontro entre os diferentes xestores deportivos e puxo como exemplo algunhas das iniciativas levadas a cabo pola Secretaría Xeral para o Deporte como a Rede do Deporte Galego, dentro da que destaca o Foro do Deporte Federado, que inclúe foros, xornadas de formación, axendas de traballo e reunións que, de forma periódica e por sectores, posibilitarán encontros para a posta en común de coñecemento e experiencias, garantindo un tecido colaborativo forte e competitivo.

Vistas:  82

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds