Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

08.08.2018

Míguez presenta O’ Marisquiño XVIII como a edición “máis urbana, máis olímpica e máis multitudinaria” do gran evento de deporte urbano do sur de Europa

O´Marisquiño contará con 1.400 deportistas chegados de todo o mundo entre os que estarán algúns e algunhas dos seus mellores representantes

Imprimir Atrás

Vigo, 8 de agosto de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, presentou na mañá de hoxe o festival de cultura urbana e deportes de acción O´ Marisquiño XVIII que terá lugar entre o 10 e o 12 de agosto en Vigo. Nas súas verbas, a responsable do Deporte galego celebrou que esta iniciativa “xa alcanza a súa maioría de idade con 18 anos de satisfacción, de grandes éxitos e de experiencia que a converten no gran evento do deporte urbano do sur de Europa”.

Marta Míguez falou de dúas das competicións máis importantes do festival como poden ser o skateboarding e as probas de BMX, dous deportes que, ademais, serán olímpicos nos Xogos de Toquio 2020. Neste sentido, a secretaria xeral destacou a maior novidade desta nova edición do Marisquiño que é “a estrea da competición do deporte urbano por excelencia e un dos máis practicados en todo o mundo, o basket 3x3, outra especialidade deportiva que tamén será olímpica en Toquio”. Así, declarou esta edición do 2018 do Marisquiño como “a máis urbana, a maís olímpica e a máis multitudinaria”.

No seu relatorio a secretaria xeral quixo enumerar tamén o resto de competicións que terán lugar en Vigo ao longo da fin de semana como o FMB Dirt Jump (saltos de bicicelta), o MTB Down Town (descenso de mountain bike), o flatland (acrobacias sobre bicis de BMX), FMX (freestyle de motos) e así como outras disciplinas como o graffiti, o break dance ou os espectáculos de música en directo.

Dentro de todas estas modalidades, dixo a titular de Deporte galego, O´Marisquiño contará con 1.400 deportistas chegados de todo o mundo entre os que estarán algúns e algunhas dos seus mellores representantes. A secretaria xeral informou tamén de que grazas á retransmisión por streaming, “calquera dos cinco continentes poderán desfrutar do gran evento do deporte urbano do sur de Europa”. O festival conta coa asistencia de máis de 160.000 persoas ao longo dos seus tres días.

Vistas:  47

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds