Deporte Galego - Secretaría Xeral para o Deporte Deporte para toda a vida

06.04.2017

A secretaria xeral para o Deporte continúa traballando en prol da protección dos deportistas de alto nivel coa participación no grupo de traballo do PROAD

Salienta que estas xornadas son de moita importancia para “nutrirse de experiencias, ideas e accións que beneficien aos deportistas de alto nivel no panorama autonómico e nacional, sendo esta unha das prioridades da Secretaría Xeral para o Deporte nesta lexislatura”

Imprimir

Madrid, 6 de abril de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na xornada de hoxe no grupo de traballo do Programa de Atención ao Deportista de Alto Nivel (PROAD) que tivo lugar na sede madrileña do Consello Superior de Deportes (CSD). A máxima responsable do deporte a nivel autonómico salientou que estas xornadas son de moita importancia para “nutrirse de experiencias, ideas e accións que beneficien aos deportistas de alto nivel no panorama autonómico e nacional, sendo esta unha das prioridades da Secretaría Xeral para o Deporte nesta lexislatura”.

Nesta liña, Marta Míguez destacou o PROAD como un “programa que pretende dar resposta ás necesidades formativas e profesionais dos deportistas de alto nivel así como mellorar as súas condicións de integración laboral”. Nas súas verbas,a titular de Deporte, sinalou a importancia de traballar conxuntamente para acadar os mellores resultados, “debemos traballar de xeito coordinado para conseguir unha actuación integral en prol dos deportistas de alto nivel ofrecendo unha atención individualizada que combine información, asesoramento, orientación, intermediación e xestión de todos os recursos que precisen os deportistas”. “Só así conseguiremos que os éxitos deportivos dos deportistas de alto nivel poidan ser complementados cos seus éxitos profesionais”, engadiu.

A filosofía do PROAD encaixa á perfección cunha das prioridades da Secretaría Xeral para o Deporte nesta lexislatura, a protección e a seguridade total do e da deportista en Galicia. O departamento que dirixe Marta Míguez atópase traballando a pleno rendemento neste eido, estudando con outras consellerías e departamentos o xeito de outorgar ao atleta unha atención integral. “Un deportista non só debe estar seguro ao facer deporte, senón que debe ter esa mesma seguridade nos seus contratos, nas súas nóminas, nas súas baixas por enfermidade ou calquera outra eventualidade, na garantía dun futuro estable”, apuntou a secretaria xeral.

Neste momento, a Secretaría Xeral está abordando distintas vías para mellorar a situación do Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN) co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades e acadar vantaxes que beneficien aos deportistas galegos na práctica deportiva e unha vez que deixen a competición.

Vistas:  132