Deporte Galego - Secretaría Xeral para o Deporte Deporte para toda a vida

29.09.2017

Marta Míguez presenta o Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte como un “posgrao profesionalizante, único na comunidade e dos poucos que hai a nivel nacional”

Asegura que “o deporte debe ser didáctico, pedagóxico e divulgativo, tanto na aprendizaxe da técnica da actividade física como na transmisión das estratexias que fan mellor a súa xestión”

Imprimir

Ourense, 29 de setembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na tarde de hoxe na presentación do Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo que está tendo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense. Co gallo da presentación do máster, a responsable do deporte galego foi nomeada como membro de honra do Claustro de Profesores do Máster e cualificou o mesmo como un “posgrao profesionalizante, de alta empregabilidade, único na comunidade galega e dos poucos que hai a nivel nacional”.

Nas súas verbas, Marta Míguez dixo que este máster é “necesario porque o movemento económico relacionado co deporte creceu considerablemente nos últimos 20 anos e a mobilización de recursos fai que cada vez xurdan novos postos de traballo e profesións relacionadas co marketing deportivo ou a administración de eventos”. “O deporte debe ser didáctico, pedagóxico e divulgativo, tanto na aprendizaxe da técnica da actividade física como na transmisión das estratexias que fan mellor a súa xestión”, engadiu.

Neste sentido, a titular da carteira de Deporte apuntou cara as posibilidades que ofrece o Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte como o coñecemento das “ferramentas de planificación e xestión para mellorar a calidade dos servizos deportivos; a necesidade de coñecer as debilidades e problemas na xestión deportiva de cara a atopar solucións alternativas; e por suposto, un achegamento á perspectiva máis científica do deporte, análise e interpretación, e á aplicación de medidas de xestión que consideran as características da economía do deporte”.

Vistas:  295