Deporte Galego - Secretaría Xeral para o Deporte Deporte para toda a vida

07.10.2017

Marta Míguez destaca o potencial da plataforma DAFIS, presentada hoxe en Cangas, para “mellorar a saúde da nosa poboación e loitar contra o sedentarismo”

Subliña a importancia de que a plataforma poida aplicarse non só nos centros educativos que participen no Plan Proxecta polo que o novo modelo de integración nos concellos de Galicia achega a posibilidade de “coñecer a situación real do 100% da poboación escolar dun municipio por rangos de idade e outros datos para poder planificar e implementar as medidas necesarias”

Imprimir

Cangas (Pontevedra), 7 de outubro de 2017.- A Plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) é unha ferramenta elaborada ao amparo do Plan Galicia Saudable, promovido pola Xunta de Galicia e coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego para facilitar aos profesionais do ámbito da actividade física e do deporte a valoración da condición física en parámetros de saúde de alumnos, deportistas e da cidadanía en xeral. Na mañá de hoxe, o director xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel San Emeterio, participou no VIII Curso de Formación da Plataforma de Datos de Actividade Física Saudable que tivo lugar no IES de Rodeira, no municipio pontevedrés de Cangas do Morrazo. O curso destinado a 30 profesores de Educación Física dos 13 centros educativos do concello cangués conta co obxectivo de vencellar esta plataforma aos proxectos de vida activa nos centros educativos a través dun novo modelo de implantación dirixido directamente aos concellos de Galicia xa que ata o momento actual a implantación da plataforma dirixíase exclusivamente aos centros que participan en programas de innovación educativa (Plan Proxecta da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria).

Esta nova modalidade posibilitará que máis centros se adhiran á Plataforma DAFIS e que os nenos e nenas de Galicia, que son os verdadeiros beneficiados, poidan realizar unha actividade física de mellor calidade grazas a esta diagnose realizada a través deste novo proxecto de colaboración institucional coordinado dende a Administración autonómica, e que implica a concellos, centros educativos, Anpas e a todo o tecido deportivo e promotor de vida activa de cada un dos concellos participantes.

Desde o programa piloto realizado en xuño de 2013, DAFIS conta xa con 36 centros no curso escolar 2016-2017 o que supón 9.469 valoracións e 5.654 alumnos valorados, algúns deles ata en 4 ocasións.

Segundo a secretaria xeral para o Deporte, DAFIS é unha plataforma cun gran potencial para “a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade infantil; unha ferramenta que mellora a saúde da nosa poboación a través da práctica regular de actividade física, exercicio físico e deporte”. Por iso cómpre que este proxecto poida aplicarse non só nos centros educativos que participen no Plan Proxecta e o novo modelo de integración nos concellos de Galicia achega a posibilidade de “coñecer a situación real do 100% da poboación escolar dun municipio por rangos de idade e outros datos para poder planificar e implementar as medidas necesarias para a mellora da saúde a través da práctica diaria de actividade fisica”.

Ferramenta útil

Ao longo destes anos DAFIS ten demostrado ser unha plataforma útil para o seguimento da evolución da condición física saudable do alumnado de Educación Primaria e Secundaria en Galicia, así como a evolución do IMC da poboación escolar avaliada, podendo establecer correlacións entre ambos parámetros.

DAFIS componse de dúas partes principais, un entorno web, para a xestión de datos e informes, e os protocolos de valoración das probas. As probas seleccionadas miden as cualidades físicas e psicomotoras que amosan especificamente a súa relación coa saúde. Esta valoración é fundamental para o deseño de actuacións adaptadas as súas necesidades.

Para a realización das probas, a Xunta de Galicia cede 6 caixóns de material específico (dinamómetro dxital, báscula/impedancia, tallímetro, caixón de flexibilidade, odómetro, pulsómetros, cronómetro, CD Course Navette, esponxas anatómicas e barra horizontal extensible) que se rotan entre os centros participantes. Tómanse datos de talla, peso, perímetros (cintura e abdominal) e realízanse 6 tests físicos.

Cómpre salientar que outros concellos como Camariñas ou Arteixo xa amosaron o seu interese neste novo modelo da plataforma DAFIS e que nas vindeiras datas terán lugar novos cursos de formación orientados aos profesores dos centros destes municipios.

Vistas:  63