Deporte Galego - Secretaría Xeral para o Deporte Deporte para toda a vida

16.12.2017

Feijóo afirma que a nova pista cuberta reforzará a presenza de Ourense no mapa europeo do atletismo

Destaca que a pista conta cunhas instalacións coa tecnoloxía máis avanzada e que se converte nunha das tres mellores de España

Imprimir

Ourense, 16 de decembro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a nova pista cuberta reforzará a presenza de Ourense no mapa europeo do atletismo, cunhas instalacións que contan coa tecnoloxía máis avanzada que acollerán os adestramentos dos grandes atletas galegos, españois e estranxeiros, converténdose nunha das tres mellores pistas cubertas de España.

Durante a súa inauguración desta pista no Recinto Feiral de Expourense, Feijóo subliñou que nesta nova infraestrutura celebrarase, durante os días 3 e 4 de marzo de 2018, o Campionato de España sub 20. “E os 400 atletas adultos e os 350 cativos que compiten hoxe aquí, no Trofeo Inaugural Pista Cuberta, poden comprobar por si mesmos a calidade desta nova instalación deportiva”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, titular da Xunta lembrou que Galicia xa é unha comunidade de referencia en atletismo, unha posición que gañan cada día os atletas profesionais e os numerosos clubs que engrandecen este deporte por toda a xeografía galega. Nesta liña, aseverou que todos eles encarnan algúns dos mellores valores: a perseveranza, o espírito de superación e a lealdade.

Feijóo concluíu aseverando que esta nova pista de atletismo da que disporá a cidade de Ourense, “a única pista cuberta homologada do noroeste español”, cumpre un dobre cometido: facilitar unhas instalacións ao máximo nivel de esixencia do atletismo europeo; e reforzar o atractivo que ten o atletismo para moitos rapaces.

“A nova pista cuberta pasa, en definitiva, a formar parte do noso patrimonio deportivo”, dixo, expresando o seu convencemento de que por estas instalacións correrán máis atletas que seguirán a estela olímpica de Manuel Suárez-Pumariega Molezún e de tantos outros que, quizais, axuden a engrosar o medalleiro galego neste deporte.

Vistas:  187