Deporte Galego - Secretaría Xeral para o Deporte Deporte para toda a vida

10.01.2018

Marta Míguez presenta os campionatos de Galicia Absoluto e Máster de pista cuberta que converterán a ourense no “epicentro do atletismo galego” esta fin de semana

Informa que desde a inauguración da pista cuberta de Ourense, esta contou con actividade deportiva todas as fins de semana

Imprimir

Ourense, 10 de xaneiro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na mañá de hoxe na presentación dos Campionatos de Galicia Absoluto e Máster de pista cuberta que terán lugar na recentemente inaugurada pista de atletismo de Ourense os vindeiros sábado 13 e domingo 14 de xaneiro, respectivamente.

Deste xeito, dixo a máxima responsable do deporte galego, “Ourense converterase no epicentro do atletismo galego nunha fin de semana chea de deporte e na que os mellores deportistas do panorama absoluto e máster de Galicia daranse cita nesta instalación que é a xoia do noso atletismo”.

Tocante a nova instalación deportiva sita no recinto de Expourense, a titular da carteira de Deporte, informou que “desde a súa inauguración, contou con actividade deportiva todas as fins de semana”. “Unha instalación que, como dixen na súa inauguración, xa é unha contundente realidade”, continuou e asegurou sentir “satisfacción e orgullo por encher esta pista de contido deportivo de calidade”.

Do mesmo xeito, Marta Míguez sinalou no seu discurso que esta pista que conta coa tecnoloxía máis avanzada “servirá a todos os atletas como acicate, como estímulo e motivación para seguir mellorando e elevando o nivel do atletismo galego”. 

Vistas:  186