Deporte Galego - Secretaría Xeral para o Deporte Deporte para toda a vida

17.01.2018

A Xunta presenta en Fitur ‘Galicia Surfing’, unha proposta que identifica as 100 mellores praias galegas para este deporte

Nava Castro e Marta Míguez expuxeron esta oferta de turismo activo e sustentable para os 1.500 quilómetros de costa, con viaxes deseñadas de entre tres e 15 días

Imprimir

Madrid, 17 de xaneiro de 2018.- A directora de Turismo, Nava Castro, acompañada da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, presentou hoxe na 38ª edición de Fitur, en Madrid, Galicia Surfing, unha nova proposta de turismo deportivo, en contacto co medio, que identifica as 100 praias galegas coas mellores condicións para practicar surf. Ademais, deseña viaxes con estadías de tres a 15 días e visitas aos recursos e elementos asociados ao mar e a súa cultura, desde Ribadeo, no extremo oriental, ata a fronteira con Portugal.

Trátase dunha das principais apostas de Turismo de Galicia para este ano, coa que se pon en valor un dos recursos da nosa costa, pois Galicia é a comunidade da Península Ibérica con máis quilómetros de litoral, preto de 1.500, case o 20% do total de España. Ademais, as súas condicións xeográficas e as súas ondas fan das súas praias, como sinalou Nava Castro, “escenarios privilexiados” para o surf a todos os niveis e na maior parte do ano.

Galicia Surfing, en cuxa presentación participou tamén o surfista galego Gony Zubizarreta, afonda no compromiso da Xunta de Galicia por seguir avanzando na desestacionalización da chegada de visitantes, na diversificación de fluxos repartidos ao longo de todo o territorio e no correcto aproveitamento dos recursos propios dun xeito totalmente sustentable. Neste caso, ademais de revalorizar as súas contornas, foméntanse tipoloxías de turismo saudable.

“Galicia é desconexión, é natureza e é gastronomía”, subliñou Nava Castro, quen lembrou que Galicia Surfing brindará a oportunidade de coñecer, ademais das praias, identificadas cunha sinalización específica, numerosos exemplos do patrimonio cultural de Galicia.

Marta Míguez, pola súa banda, afirmou que Galicia é desde hai anos “un lugar de referencia para o surf internacional” como o acreditan as máis de 100 praias adaptadas ou o número de practicantes que sitúan a Galicia como a segunda Comunidade con maior número de licencias e clubs con actividade. A secretaria xeral para o Deporte celebrou o nacemento de Galicia surfing, que fusiona de novo “as propostas relacionadas co turismo deportivo e o turismo de praia e costa”. Unha marca que, dixo, “leva tatuado o éxito seguro no seu nome”.

De Pico de Patos a Oliñas

Praias como Pico de Patos, Montalvo, Río Siera, Nemiña, Soesto, Malpica, Razo, Caión, Orzán, Ondalonga, Doniños, Campelo, Pantín, Machacona, Peizás e Oliñas son algúns dos principais areais incluídos en Galicia Surfing, combinables en distintas épocas do ano. Así, a Costa das Ondas, en Ferrolterra, e a Costa da Morte, destacan en primavera e o verán. Pola súa banda, Rías Baixas e A Mariña poden ser opcións para a tempada de outono-inverno.

Agrupadas en tres itinerarios, as praias galegas ofrecen distintas opcións de turismo de surf adaptadas a calquera perfil e dificultade, así como modalidades máis urbanas e salvaxes. Todas elas aparecen no material promocional editado, cun mapa que identifica cada recurso e ofrece información de servizo. Ademais, disporase dunha app para facer consultas de xeito actualizado. A través dela poderán atoparse tamén as opcións de viaxe, denominadas Galicia Surf Escape (no caso das escapadas de tres días de duración), Galicia Surftrip (para as estadías de sete días) e Galicia Surfari (nas viaxes de 15 días na nosa Comunidade).

Unha semana de Pantín Classic

Tras a presentación de Galicia Surfing, Nava Castro e Marta Míguez participaron tamén na exposición da Pantín Classic, o certame deportivo que se celebra cada ano desde hai tres década na praia de Pantín, en Valdoviño. Trátase dunha competición, considerada ademais festa de interese turístico, que inclúe probas do circuíto mundial de surf homologadas pola World Surf League. Na súa última edición, contou con máis de 200 deportistas de 44 países e unha asistencia de 65.000 persoas, ademais dun intenso seguimento a través de internet.

Respecto á trixésimo primeira edición da “cuarta competición de surf máis lonxeva do mundo e unha das máis importantes de Europa”, a Pantín Classic, Marta Míguez aplaudiu que nesta ocasión a organización do campionato decidira aumentar un día máis de “acción, diversión, bo tempo e do mellor surf do mundo”. Serán sete días, dixo a secretaria xeral, de “natureza, hospitalidade, deporte de alto nivel e igualdade”. Precisamente neste último punto destacou que a Pantín Classic outorgue a mesma contía dos premios para homes e mulleres.

Como sinalou a directora de Turismo, o potencial do surf en Galicia ten un dos seus maiores expoñentes na Pantín Classic, á que se engaden outros recursos como o Océano Surf Museo de Valdoviño, un espazo expositivo e de divulgación e formación novo, o Campionato de España de Surf, que se celebra na praia de Doniños (Ferrol) desde 2011 ou o Ondalonga Surfing Day, festival para surfear a onda máis longa da España no concello de Bergondo.

Ampla oferta de turismo deportivo

A oferta de turismo deportivo contou con outras dúas presentacións na xornada de hoxe, no expositor de Galicia en Fitur, situado no pavillón 9 (parcelas 9C07 e 9C09): Gran Fondo do Ézaro. Costa da Morte. UCI World Series e A Regata ‘La Solitaire urgo Le Figaro 2018 na ría de Muros-Noia. Ademais, mañá xoves será a quenda de Campionatos do mundo de tríatlon multisport Pontevedra ITU 2019, Ourense, destino de turismo deportivo: eventos 2018 e Obxectivo: fidelizar mercados. Estratexia promocional da náutica recreativa en Galicia 2018, todos eles promovidos por diferentes institucións e entidades. Finalmente, na xornada do venres pecharase este apartado coa presentación de Galicia, destino golf. Torneos 2018. 

Vistas:  144