Deporte Galego - Secretaría Xeral para o Deporte Deporte para toda a vida

16.02.2018

Míguez destaca a “materia prima, o clima, o entorno, o patrimonio natural, as instalacións e a experiencia” de Galicia como garantías no Campionato de España de Dúatlon

Asegura que en Galicia “somos líderes a nivel mundial deste deporte e grazas a estes campionatos a nosa terra posiciónase como un referente de calidade e cantidade nos eventos deportivos”

Imprimir

Boiro (A Coruña), 16 de febreiro de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe na presentación do Campionato de España de Dúatlon por Clubs e Relevos Mixtos que terá lugar o 10 e 11 de marzo en Boiro. Nas súas verbas a responsable do Deporte galego destacou “en primeiro lugar, a materia prima de Galicia, os deportistas” pero tamén “o clima, o entorno, o incomparable patrimonio natural, as instalacións deportivas e a experiencia e organización de eventos deportivos que converterán a Galicia e a Boiro no lugar ideal para disputar este Campionato de España”. “Boiro organizará con solvencia este campionato como tamén o fixo o ano pasado acollendo o Campionato de España de Dúatlon Contrarreloxo por Equipos e Relevos”, engadiu.

Neste sentido, Marta Míguez dixo que Galicia é o “lugar ideal para realizar actividades físicas ao aire libre e por suposto deportes como o remo, o piragüismo, o ciclismo, o cross ou en especial o tríatlon” do que destacou grandes deportistas como Javier Gómez Noya, Iván Raña, Saleta Castro, Uxío Abuín ou Susana Rodríguez Gacio.

Por todos estes motivos, dixo a secretaria xeral, “en 2019 Galicia será sede do Festival Multideporte ITU que collerá 5 campionatos do mundo de dúatlon, aquatlon, aquabike, tríatlon de longa distancia e tríatlon cross”. Ante todos estes logros do deporte galego no deporte do tríatlon, Marta Míguez asegurou que en Galicia “somos líderes a nivel mundial deste deporte e grazas a estes campionatos a nosa terra posiciónase como un referente de calidade e cantidade nos eventos deportivos”.

Vistas:  136