Deporte Galego - Secretaría Xeral para o Deporte Deporte para toda a vida

23.05.2018

Míguez destaca a importancia de concienciar aos máis pequenos sobre os hábitos de vida saudable a través do deporte e dunha correcta alimentación na xornada multideporte de Silleda

A xornada contou coas actividades deportivas de xogos tradicionais (billarda, birlos e chave), fútbol 6 e loita e ademais coa actividade ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’ que busca mellorar os hábitos de consumo dos nenos e nenas e derivalos cara a unha dieta saudable

Imprimir

Silleda (Pontevedra), 23 de maio de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou no día de hoxe na xornada de multideporte do programa Xogade dedicada aos deportes tradicionais (billarda, birlos e chave), fútbol 6 e loita. A actividade, dirixida aos escolares de 6º de Primaria dos principais centros educativos da contorna, tamén contou coa actividadePonlle as pilas ao teu bocata’, que forma parte do programa Aliméntate Ben e que busca mellorar os hábitos de consumo dos nenos e nenas e derivalos cara a unha dieta saudable.

A responsable do Deporte galego sinalou a importancia de concienciar aos máis pequenos sobre os hábitos de vida saudable que poden acadarse a través da práctica do deporte e da actividade física e mantendo unha correcta alimentación. Deste xeito, Marta Míguez subliñou a importancia do programa Xogade que “levamos a cabo xunto as Federacións e Agrupacións Deportivas Galegas e que recolle toda a actividade deportiva e lúdica, en idade escolar promovida e promocionada dende a Xunta de Galicia”. “O obxectivo é fomentar o deporte nos máis novos porque nos garante contar con bos deportistas e atletas no día de mañá, e o que é máis importante, consolidar uns hábitos de vida saudable que serán polos que se rexerán os adultos do mañá”, engadiu. Para iso, dixo a secretaria, “queremos que os nenos sigan elixindo o seu propio camiño no deporte, fuxindo das etiquetas de deportes maioritarios e minoritarios polo que a nosa oferta debe ser todo o ampla que se poida”.

Cómpre lembrar que o programa Xogade ofrece nos seus programas deportivos (escolar e federado) actividades como o atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol, sóftbol, campo a través, duatlón, fútbol sala, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol ou xadrez.

Na xornada que se desenvolveu no día de hoxe no recinto feiral Semana Verde de Silleda participaron un total de máis de 500 rapazas e rapaces de 16 centros educativos da provincia como o CEIP O Foxo, o CPR Nosa Señora Lourdes, o CEIP Pérez Viondi, o CEIP Silleda (A Estrada), o CEIP de Coirón-Dena, o CEIP Torre Illa (A Illa de Arousa), o CPR San José (Pontevedra), o CEIP Ramón Valenzuela (Silleda), o CEIP Sequelo (Marín), o CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña), o CEIP A Paz Tintureira (Vigo), o CEIP de Quintela (Redondela), o CPI de Toural (Vilaboa), o CPR San Fermín (Caldas de Reis), o CPR Abrente (Sanxenxo), o CEIP San Roque de Darbo (Cangas), .

Ponlle as pilas ao teu bocata’

No marco desta iniciativa desenvolveuse un obradoiro do programa ‘Ponlle as pilas ao teu bocata, que forma parte do programa Aliméntate Ben e que busca mellorar os hábitos de consumo dos nenos e nenas e derivalos cara a unha dieta saudable. Esta campaña desenvólvese coa finalidade de ampliar o coñecemento dos escolares sobre as conservas de produtos do mar e as posibilidades que ofrecen no ámbito da alimentación. A través das actividades que inclúe esta campaña aprenden a manipular os alimentos do mar dende un punto de vista gastronómico, empregando as conservas como base de pratos sinxelos.

Esta iniciativa tamén ten como obxectivos ensinar aos estudantes distintos tipos de produtos do mar que poden atopar en conserva, que coñezan os envases destes alimentos e o proceso de fabricación, os produtos empregados e a historia do sector conserveiro.

Vistas:  97