Convocatorias
11/07/2018

A Secretaría Xeral para o Deporte publica as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos

Resolución do 29 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A).

A práctica deportiva, a nivel competitivo, caracterizase pola necesidade de contar cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións en que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade.

Tendo en conta a importancia que as entidades deportivas sen ánimo de lucro teñen nesa actuación do fomento da práctica deportiva, faise preciso arbitrar un sistema de axudas públicas dedicadas á adquisición de equipamentos, co fin de contribuír na modernización e actualización do material deportivo necesario para o adecuado exercicio da práctica deportiva de que dispoñen as citadas entidades.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.22, a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción do deporte. De conformidade cos parámetros de actuación establecidos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e segundo as atribucións que lle son conferidas polo Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte establece as presentes bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades deportivas sen ánimo de lucro de Galicia para a adquisición de equipamentos deportivos.

Esta resolución dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Por outra banda, as subvencións reguladas na presente resolución tramitaranse polo procedemento ordinario de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, conforme as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

Ligazóns