Nova
05/04/2024
Institucionais

Lete Lasa anuncia que a finais do presente ano Galicia será a comunidade pioneira cunha conta satélite do deporte

Destaca a importancia das administracións na xestión tanto do deporte profesional coma o non profesional e indica que o futuro pasa por dar resposta aos catro principios de gobernanza, transparencia, sostibilidade financeira e solidariedade financeira

Muxía (A Coruña), 5 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe mesa redonda ‘Industria do deporte profesional en Galicia: máis alá do negocio e o espectáculo’ no marco da XIII Reunión anual do Foro Económico de Galicia. Alí, Lete Lasa anunciou que cara a fin do ano 2024 Galicia será a comunidade pioneira en contar cunha conta satélite do deporte.

Este obxectivo, da man do Instituto Galego de Estatística, posibilitará o coñecemento e a toma de decisións ao redor do sistema deportivo en Galicia grazas á enorme utilidade que proporciona a información testada e os datos procedentes dos distintos e variados parámetros económicos do deporte. No momento actual calcúlase que o deporte galego representa o 2,5% do PIB de Galicia, cun volume anual de negocio que ronda os 1.600 millóns, e que e que xera arredor de 12.000 postos de traballo.

Lete Lasa destacou a importancia que teñen as administracións na xestión tanto do deporte profesional coma o non profesional e indicou que o futuro do deporte pasa por dar resposta aos catro principios básicos de gobernanza, transparencia, sostibilidade financeira e solidariedade financeira.

Desde as administracións, dixo, debemos ofrecer seguridade xurídica aos actores deportivos e levar a cabo unha aposta decidida polo deporte non profesional. Neste sentido destacou o Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia, que nesta tempada 2023-2024 chega aos 3,7 millóns de euros e beneficiará a uns 225 equipos. Do mesmo xeito sinalou ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva como o centro da excelencia deportiva galega con 168 deportistas becados e cun gasto anual de 3 millóns de euros, do que teñen saído 26 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos. Lete Lasa tamén fixo referencia aos deportistas galegos de alto nivel que na última resolución xa son 1.173 recoñecidos e que tras acadar en 2023 o récord de axudas chegando a preto de 700.000 euros, neste 2024 volverán contar con outros 600.000 euros.