Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

16.11.2017

Marta Míguez valora a Conferencia Interterritorial 2017 como unha “magnífica oportunidade para mellorar a xestión e a coordinación a nivel autonómico e nacional”

Na reunión valoráronse temas como a implantación da terceira hora de educación física, o marco regulatorio do deporte, a loita contra o sedentarismo, as actividades da AEPSAD ou a Semana Europea do Deporte 2017

Imprimir Atrás

Madrid, 16 de novembro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte,  Marta Míguez Telle, participou na xornada de onte e de hoxe na Conferencia Interterritorial para o Deporte 2017 convocada polo presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete Lasa e que é o  órgano consultivo e deliberante de cooperación multilateral e de ámbito sectorial entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas en materia de deporte.

Alí, a secretaria xeral tivo a oportunidade de debater cos responsables de deportes das demais comunidades moitos dos aspectos da xestión deportiva que concirnen a todas as comunidades españolas. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico valorou este encontro como unha “magnífica oportunidade para  mellorar a xestión e a coordinación deportiva tanto a nivel autonómico como nacional a través do consenso de todos os actores”.

Dentro dos puntos tratados na reunión que tivo lugar na primeira sesión no Consello Superior de Deportes destacou a presentación do informe sobre sobre a implantación da terceira hora de educación física en centros de educación primaria de Ceuta e Melilla. Ademais debateuse a reforma do marco regulatorio do deporte español para o que cómpre a redacción dun marco común por parte do CSD que regule as profesións deportivas. Tamén se estudaron os acontecementos de excepcional interese público, desde a perspectiva da colaboración público privada.

No que atinxe á xornada de hoxe presentouse o informe sobre a Estratexia de fomento da Actividade física e loita contra o Sedentarismo acordando todas as comunidades asistentes que a obesidade representa un “gravísimo” problema de saúde pública. Así tamén se presentou o informe de actividades levadas a cabo pola Axencia Estatal de Protección da Saúde no Deporte (AEPSAD) e debateuse acerca do Programa ADO (Asociación Deportes Olímpicos), a función e situación das federacións, a mellora e apoio aos centros de tecnificación deportiva e aos deportistas de alto nivel.

O programa de esta segunda xornada completouse cunha visita ao Centro de Alto Rendemento do CSD. A Conferencia Interterritorial pechouse coa presentación da información sobre a Semana Europea do Deporte de 2017 e as actuacións promovidas a nivel internacional para a protección do menor, a presentación da cobertura de vacante da representación das Comunidades Autónomas na Comisión Directiva do CSD e os asuntos de interese formulados polas  Comunidades Autónomas asistentes.

Vistas:  109

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar - 15781 Santiago de Compostela - TLF. 881 996 342 Fax: 881 996 346

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds