Noticias
23/12/2016
Federativas

Marta Míguez destaca o potencial das instalacións da Xunta en Pontevedra na visita ao Campo de Tiro de Cernadiñas, o Centro de Piragüismo de Verducido e o Centro Galego de Vela

A secretaria xeral para o Deporte sinalou que estas visitas enmárcanse nunha primeira toma de contacto cos responsables e usuarios das infraestruturas deportivas “para coñecelos, escoitalos e ver onde e como podemos axudar no que sexa posible”

Pontevedra e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 23 de decembro de 2016.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, visitou na mañá de hoxe as principais instalacións deportivas da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra das que destacou “o seu potencial e a súa capacidade para mellorar o rendemento dos atletas galegos”.
A máxima responsable autonómica do deporte en Galicia sinalou que estas visitas enmárcanse nunha primeira toma de contacto cos responsables e usuarios das infraestruturas deportivas “para coñecelos, escoitalos e ver onde e como podemos axudar no que sexa posible”.
Deste xeito, a primeira hora da mañá a secretaria xeral dirixiuse ao Campo de Tiro de Cernadiñas Novas que conta con tres galerías de tiro (50 metros, 25 metros e aire comprimido) e na que se practican dúas modalidades de tiro (olímpico e ao prato). Máis tarde Marta Míguez acudiu ao Centro de Piragüismo de Verducido, no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, que en maio acolleu a disputa da Copa de España Sprint de 200 e 500 metros.
Máis tarde, a secretaria xeral achegouse ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) -que xa visitara o pasado martes- onde puido comprobar a excelente acollida á festa deportiva HQR! organizada polo Diario de Pontevedra e que conta coa participación de 5.000 atletas e máis de 200 equipos procedentes de toda a Comunidade Autónoma, así como un gran despregue de voluntariado deportivo durante os días 23, 26 e 27 de decembro. Para rematar a xornada, a comitiva de deportes dirixiuse a Vilagarcía de Arousa para coñecer as instalacións do Centro Galego de Vela.