Noticias
26/12/2016
Federativas

Marta Míguez visita varios centros deportivos da provincia de Lugo que foron reformados pola Xunta de Galicia

Durante a xornada, Marta Míguez puido comprobar o resultado das actuacións levadas a cabo nas pistas de pádel de Foz e Barreiros así como no complexo deportivo municipal de Mondoñedo

Foz, Barreiros e Mondoñedo (Lugo), 26 de decembro de 2016.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, visitou esta mañá varios centros da provincia de Lugo que foron reformados e acondicionados grazas ao financiamento da Xunta de Galicia comprometido no pasado mes de setembro a través de tres convenios de colaboración cos Concellos de Foz, Barreiros e Mondoñedo.
Así, a responsable autonómica do deporte galego acudiu á pista de pádel existente en Marzán, no municipio de Foz, tras levar a cabo o seu acondicionamento que consistiu na instalación dunha estrutura metálica, cristal e céspede artificial. O importe total das actuacións foi de 12.642,32 euros dos que a Xunta de Galicia achega 4.500 euros e o Concello de Foz 8.142,32 euros.
A continuación, a secretaria xeral para o Deporte supervisou a finalización das obras da cuberta da pista de pádel de Barreiros que tiveron un importe de 49.796,29 euros dos que a Xunta de Galicia achega a súa totalidade.
Por último, Marta Míguez, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, inaugurou oficialmente o complexo deportivo municipal de Mondoñedo, no que se realizaron diversas reparacións. O importe total das actuacións foi de 26.005,85 euros dos que a Xunta de Galicia achega 25.000 euros e o Concello de Mondoñedo 1.005,85 euros.